Acábase de rexeitar na Comisión 3.ª, Economía, Facenda e Orzamentos, cos votos en contra do Partido Popular, a proposta presentada polo deputado do Bloque Nacionalista Galego, Mon Fernández, para que a Xunta elaborase un informe detallado sobre as consecuencias que terá para Galiza a fusión bancaria entre BBVA e Banco Sabadell. Esta operación, autorizada polo goberno estatal, suporá a creación da segunda entidade financeira do país, só por detrás de ABANCA, cunha rede de 182 oficinas e máis de 1.100 persoas empregadas.
Desde o BNG alertan de que esta fusión incrementará a xa preocupante concentración bancaria en Galiza, reducirá a competencia, dificultará o acceso ao crédito (especialmente para PEMES, micropemes e autónomos) e empeorará as condicións para as persoas aforradoras, ademais de levar aparellados o peche masivo de oficinas e a destrución de centos de postos de traballo, nun sector onde máis do 50% do emprego está ocupado por mulleres.
O deputado nacionalista, Mon Fernández, lamentou que o PP “volva poñerse de costas ante os problemas do país e renuncie a defender os intereses da economía galega e do emprego”. “A Xunta actúa como unha mera espectadora mentres se decide algo que pode ter un impacto brutal para os nosos traballadores, para as empresas e para a xente que depende destes servizos financeiros”, denunciou.
“O PP demostra unha vez máis que cando hai que escoller entre os intereses das grandes corporacións ou os da cidadanía galega, sempre escollen aos de arriba. Abandonan aos traballadores, ás traballadoras, ás PEMES, aos autónomos e ás persoas aforradoras, mentres miran para outro lado”, asegurou Mon Fernández.
O deputado do BNG subliñou que “a experiencia das anteriores fusións demostra que as consecuencias son sempre as mesmas: peches de oficinas, perda de emprego, peores condicións laborais e un empeoramento evidente dos servizos bancarios”. E engadiu: “Estamos ante unha operación de enorme transcendencia que a Xunta, gobernada polo PP, pretende ignorar, como fai sempre que hai unha crise empresarial en Galiza”.
O BNG reafirma o seu compromiso en seguir defendendo os intereses do país e exixindo que o Goberno galego actúe con responsabilidade e non permaneza calado ante un proceso que pode hipotecar o futuro económico de milleiros de persoas e empresas galegas.