O portavoz de Mobilidade do BNG, Paulo Ríos, acusa a Xunta de Rueda de permitir incumprimentos no deseño do Plan de Transporte público de Galiza para “tapar a súa neglixencia”. Segundo indicou, “os pregos están mal feitos e os plans de explotacións mal calculados”. Por iso, indicou, “a Xunta evita esixir que se cumpran os contratos”, porque facelo suporía un perigo real de que as empresas non fosen quen de aguantar eses contratos, facendo que abandonasen e provocando así a caída de todo o sistema de transporte, alertou.
Nunha interpelación ao conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, Ríos recordoulle as queixas reiteradas das persoas usuarias, os atrasos inxustificados, a superación da idade máxima nos vehículos incluídos nas licitacións ou a falta de autocares e prazas, provocando situacións nas que as viaxeiras teñan que ir de pé nun traxecto interurbano, co evidente risco para a súa seguridade. “O seu plan é un total desastre”, afirmou, engadindo que “aplican un parche para seguir mantendo que o seu proxecto é de éxito e viable cando realmente non o é”, incidiu.
Acusou así mesmo ao titular de Mobilidade de ocultar información solicitada polo BNG o pasado mes de marzo, ao recibir só datos de 26 das 127 concesións que hai no sistema de transporte público en Galiza. “Do resto, o PP pensa que non temos dereito, como representantes do pobo galego, a fiscalizalas”, criticou.
En canto ao incumprimento nos quilómetros contratados e á falta de datos oficiais, Ríos fíxose eco das cifras recabadas polo especialista e consultor en transporte e mobilidade, Juanjo Ruiz, que falan do 20% de quilómetros que quedan sen realizarse —segundo os baremos da Xunta, son sancións graves ou moi graves superar o 2 ou 5%—.
Son quilómetros que se deixan de facer e que pasan a disposición da Administración para que esta os utilice cando considere, algo que é irregular porque as concesionarias están obrigadas a prestar eses quilómetros no ano natural, aplicándolle deste xeito unha especie de “amnistía ás empresas”, “atentando contra a seguridade xurídica de toda contratación que ten que ver co plan de transporte”, afirmou.
O deputado nacionalista denunciou ademais irregularidades nas subvencións e axudas en concepto de compensación que se estableceron para apoiar ao sector en situacións de excepcionalidade, como ocorreu nas achegas do Goberno galego o pasado mes de outubro co concepto “Guerra de Ucraína”. Unha orde da que o BNG soubo cando lles chegou ás empresas e que que recoñece implicitamente que concesionarias “non fixeron os km que tiñan que facer en 2024”, explicou. Cualificou de “escandaloso que haxa empresas que van recibir cerca de 800.000 euros cando teñen incumprimentos do 30% dos km requiridos. “Premiamos por incumprir”, criticou.
Rios rematou a súa intervención advertindo que só seis das 129 concesións cumpren cos km que teñen que facer ao ano. “Eses contratos deben ser rescindidos e rescatados, e temos que ir a un novo proceso e a un novo Plan de Transporte feito con rigorosidade e atendendo as necesidades do pobo galego”.