A portavoz de Montes e Industrias Forestais do BNG, Montse Valcárcel, advertiu da situación límite que atravesan os piñeirais galegos, que están a sufrir unha “profunda regresión” e poñen en risco a viabilidade dun sector estratéxico como é o dos serradoiros, debido, entre outros factores, ao avance do eucalipto e as pragas que lle afectan á especie.
Ante esta situación, o BNG esixe da Xunta a prorrogar a moratoria de novas plantacións de eucalipto, poñer en marcha medidas fitosanitarias efectivas e inmediatas para combater as pragas que afectan ao piñeiro, e deseñar políticas de mitigación da perda de piñeirais e buscar alternativas viables ao Piñeiro radiata nas zonas máis afectadas.
Segundo os datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia, nos últimos 15 anos perdéronse máis de 140.000 hectáreas de piñeirais, a un ritmo de 9.300 hectáreas por ano. “Este ano a perda está sendo aínda maior, e a falta de resposta da Xunta está a agravar a situación”, alertou Valcárcel.
Na súa exposición na Comisión de Agricultua, Valcárcel sinalou que o piñeiro, alén do seu uso madeireiro, ten un papel central na multifuncionalidade dos montes galegos: serve para usos silvopastorais, leña, recolección micolóxica, produción de resina e é espazo de lecer nas zonas periurbanas e costeiras.
Pero a escaseza actual de madeira de piñeiro compromete directamente o futuro dos serradoiros galegos, que procesan o 95% da súa materia prima a partir desta especie. Este sector está formado por 120 empresas, que sosteñen 7.400 empregos directos e transforman 3,5 millóns de m³ de madeira ao ano.
En maio, 66 serradoiros —que representan o 90% da transformación do piñeiro en Galicia— alertaron nun documento remitido ás consellerías de Medio Rural e Economía de que, “nun prazo non superior a 10 ou 15 anos”, pode haber un déficit crítico desta especie, e que a súa actividade está en risco.
O avance do eucalipto e as pragas ameazan a especie
Montse Valcárcel apuntou as pragas forestais, como a banda marrón no norte (causada polo fungo Lecanosticta acicola) e o nemátodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus) no sur, como as causas que están a minguar gravemente a saúde das masas forestais.
Por outra banda, sinalou que o avance do eucalipto está a desprazar ao piñeiro. O propio sector demanda a prórroga da moratoria para novas plantacións, que expira este ano, para garantir unha política forestal que protexa o recurso e a actividade produtiva asociada.
A deputada nacionalista argumentou que esta industria leva máis de 180 anos activa en Galicia, que está moi vencellada ao rural, que fomenta o emprego feminino, o relevo xeracional e a fixación de poboación. “O 95% dos concellos galegos contan con industria forestal, sendo clave nalgúns, como Alfoz, Coles, Piñor ou Sarreaus, onde representa máis do 50% do emprego industrial”, afirmou.
Valcárcel replicoulle ao PP, despois de anunciar que non apoiaría a iniciativa do BNG, que “a Xunta leva anos ignorando as advertencias dun sector que vén advertindo que van quedar sen recursos para funcionar”, e que “a alternativa que lle está dando á xente é o eucalipto, cando “o propio sector demandou unha moratoria” na súa plantación, subliñou.
“Non hai aposta real polo piñeiro nin polos serradoiros, que son o último elo dunha cadea que comeza no monte e remata no produto final. O piñeiro é parte da identidade forestal galega, e deixalo desaparecer sería un erro histórico”, concluíu Montse Valcárcel.