BNG acusa a Xunta de non actuar con responsabilidade ante a baixa abusiva do prezo do leite establecida pola industria

Ariadna Fernández
Ariadna Fernández

A deputada Ariadna Fernández acusa o Goberno de Rueda de non aproveitar a forza do sector para marcar as negociacións 

Os prezos do leite galego son historicamente menores que os da media do Estado e coa recente baixada non garanten a viabilidade das explotacións

A deputada do BNG,  Ariadna Fernández acusa a Xunta de non actuar con responsabilidade ante a baixada abusiva dos prezos do leite establecidos pola industria de xeito unilateral, e de non aproveitar a forza do sector lácteo galego para marcar as negociacións. Indicou que a industria é consciente de que quen mantén a produción no Estado son os gandeiros e gandeiras galegas o que para o BNG demostra que o goberno non pretende opoñer resistencia fronte o abuso, máis alá de facer algo de propaganda e botar balóns fóra.

Na súa intervención na Comisión de Agricultura, a deputada nacionalista advertiu que os prezos do leite galego son historicamente menores que os da media do Estado —mentres supón o 42% da produción— e que, coa recente baixada non garanten a viabilidade das explotacións galega.

A modo de exemplo, unha explotación do grupo máis numeroso en Galiza, que produza 2.500 litros cada dous días, este mes de abril vai cobrar 3.000 euros

menos polo seu leite. Unha explotación que produza entre 300.000 e 400.000 litros ao ano, percibirá 39 céntimos por litro de leite, fronte aos 50 de febreiro, nun momento no que os custos se elevan pola alta actividade agrícola e o aumento dos prezos derivados da guerra de Irán. “Vendemos o leite máis barato que meu avó hai 60 anos”, subliñou. Quen quere vivir ancorado no pasado, nós ou vostedes?”, espetoulle Fernández ao director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño.

Recordou que os e as produtoras que se negaron a asinar os contratos o 31 de marzo, o 1 de abril a industria deixou de recollerlles o leite. A deputada nacionalista criticou que o sector leva anos asinando contratos sempre menos beneficiosos que os do resto do Estado, perdendo millóns de euros. “Chamarlle a isto negociar a iso é cinismo puro”, criticou.

O BNG vén reclamándolle ao PP que se sente na Mesa do Sector Lácteo e activar se xeito urxente o Observatorio do Sector Lácteo, e recrimínalle a decisión de que este se reúna cada ano en lugar de cada tres meses, nun sector no que os contratos varían con moita frecuencia. 

O que lle importa o sector ao PP

A deputada nacionalista tirou dos datos oficiais da propia Xunta, recollidos no seu plan estratéxico do sector lácteo 2020-2024, —sen desenvolver e xa rematado— para evidenciar a falta de credibilidade do PP cando este afirma que está a traballar para o sector.

Indicou que, nos últimos cinco anos, o sector perdeu case o 25% dos e das produtoras. O 57% das explotacións de mediano tamaño —as maioritarias en Galiza— non teñen relevo, cifra que se eleva ata o 84% nas pequenas granxas, onde a percepción do sector é moi negativa. Só o 7% por cento dos gandeiros e gandeiras considera que temos unha boa situación. Só o 3% das explotacións teñen titulares menores de 30 anos, e o 71% con persoas de máis de 55 anos á fronte non teñen relevo.

En canto ás políticas públicas, os datos reflicten que o 60% das profesionais consideran que non están ben orientadas e o 68%, que a administración non é áxil e que é peor canto máis grande é a explotación.

A deputada sinalou, entre os principais problemas que os gandeiros destacan, a xestión dos xurros. O mesmo sucede co xabaril, cuestión na que tamén quedaron retratados, despois de que os cazadores sinalasen que a efectividade real da emerxencia cinexética sobre a poboación de xabaril era “ridícula” e un “paripé da Xunta para que pareza que fan algo”. Por non falar das enfermidades emerxentes, engadiu.

“Quen se vai fiar de vostedes se viviron anos de cártel do leite e, cando saíu á luz, non dixeron absolutamente nada?”, expresou, referíndose á grande industria está nos tribunais por pactar os prezos do leite, onde xa se ditaron sentenzas favorables aos e ás produtoras.

Fernández tamén acusou o PP na Xunta de favorecer un aumento da oferta de produto barato, cunha escasa diferenciación —o leite de pastoreo é do 5% e o ecolóxico non chega ao 1%— e máis de 2/3 do produto que transformamos vai en cartón, sen xerar valor engadido.

Referiuse tamén ao banco de explotacións proposto polo Goberno galego, onde a previsión era que no 2026 se transferisen 140 explotación, pero foron menos de dez e na aplicación para a xestión do banco hai anotadas 15 en todo o País.

Por último, Fernández recordou que as axudas á incorporación de 2025 seguen sen pagarse nin resolverse, que en 2024 a Xunta deixou fóra nos plans de mellora o 70% das solicitudes (máis de 400 explotacións), ou que a ferramenta da conta láctea non se lle deu o uso agardado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG