Parlamento Galego

BNG acusa á Xunta de marear as mariscadoras do Burgo tras un ano sen axudas pola dragaxe

Iria Taibo
Iria Taibo

Iria Taibo cuestiona ao Goberno galego polas xestións realizadas para lograr as axudas ás mariscadoras da ría do Burgo

O BNG exixe que se explique que negociacións mantivo co MITECO para axudar ao sector marisqueiro

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Iria Taibo, denunciou na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo a grave situación que atravesan as mariscadoras e mariscadores da ría do Burgo, que levan máis de un ano sen percibir ingresos debido á parada produtiva provocada polas obras de dragaxe.

A deputada nacionalista recordou que, a pesar de que as obras foron executadas e xestionadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica con fondos europeos, e de que no informe final do proxecto se recoñecía a necesidade dun período de parada produtiva de entre 18 e 24 meses, os mariscadores deixaron de recibir compensacións económicas unha vez finalizada a intervención en abril de 2024.

Taibo sinalou que, aínda que en xuño de 2025 aprobouse por iniciativa do Partido Popular un acordo parlamentario –ao que o BNG deu o seu apoio– para que a Xunta de Galiza se dirixise ao Goberno central e iniciase negociacións en nome dos afectados, descoñécese que xestións concretas se levaron a cabo desde entón.

“Preguntamos exactamente cales foron as xestións que se elevaron a cabo”, exixiu a deputada, quen mostrou a súa sorpresa por que “o único que se fixo foi enviar unha carta e acudir a unhas reunións ás que foron convocados polo colectivo de mariscadores”. Neste sentido, lamentou que se tivese que chegar a un acordo no Parlamento para algo que, na súa opinión, é unha obriga da Consellería do Mar.

A representante do BNG insistiu en que, como institución competente en materia de marisqueo, a Xunta dispón de medios para apoiar de forma máis activa ás persoas afectadas. Entre as accións posibles, propuxo a elaboración dun informe xurídico que avale a necesidade de que sexa o MITECO quen asuma as indemnizacións, xa que a obra foi da súa responsabilidade.

“As mariscadoras levan desde abril de 2024 sen cobrar nada. As institucións responsables están a marear este colectivo”, denunciou Taibo, quen alertou de que o colectivo minguou ata menos de 70 persoas, xa que moitas se ven obrigadas a manter o alta económica sen garantías de recibir axudas. Ademais, puxo en dúbida quen poderá exercer a actividade cando a ría volva a ser produtiva, se a situación de abandono se mantén.

Finalmente, a deputada do BNG reclamou á Xunta que detalle publicamente as negociacións mantidas co Goberno central, os pasos dados e as accións previstas para os próximos meses, ante a inminencia de que se cumpra o prazo mínimo de 18 meses de parada produtiva e a ausencia de indicios de que a actividade poida reiniciarse a curto prazo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG