BNG acusa á Xunta de beneficiar a Naturgy ao non recuperar a hidroeléctrica Ponte Inferno cuxa concesión caducou en 2017

Manuel Lourenzo
Manuel Lourenzo
Manuel Lourenzo recrimina ao Goberno galego que deixara prescribir o expediente de extinción da presa do río Verdugo para lucrar á eléctrica  

O deputado nacionalista Manuel Lourenzo acusou á Xunta no Parlamento galego de beneficiar a Naturgy ao non recuperar para o dominio público a central hidroeléctrica Ponte do Inferno, no río Verdugo, cando a concesión da súa explotación leva caducada dende abril de 2017.

Lourenzo esixiu ao Goberno galego que cumpra coas súas obrigas segundo a Lei de Augas e o Regulamento de Dominio Público Hidráulico para recuperar a central e, con iso, acometer a recuperación medioambiental do río Verdugo, logo de recriminarlle as súas continuas evasivas e falta de respostas ás sucesivas iniciativas parlamentarias do BNG neste sentido presentadas xa dende o 8 de febreiro de 2017.

“Só o desprezo que a esta Cámara demostra esta documentación –en alusión ás distintas preguntas do Bloque nos últimos catro anos que foi mostrando durante a súa intervención- debería facer que a calquera goberno se lle derretese a cara de vergoña”, afirmou con severidade Lourenzo, para reprochar a continuación “como o PP emprega as institucións para beneficiar ás empresas amigas como Naturgy”.

Neste sentido, o deputado nacionalista recordou que o BNG e outras organizacións como Pladever ou ADEGA levan dende febreiro de 2017 reclamando ao Executivo do PP que iniciase o procedemento de extinción da concesión que remataba en abril dese mesmo ano e que non “moveu un papel” ata que en decembro de 2019, obrigada pola presión destes colectivos, ten que iniciar o expediente para a devandita extinción da concesión.

“E como se resolve este expediente? Publicando a finalización dese expediente 10 días despois de que caducase o período legal, co que hai que volver a iniciar o expediente mentres Naturgy seguía turbinando, mentres os mesmos que nos sablean no recibo da luz cada mes tiñan o beneficio da Xunta, namentres atacaban o caudal do río Verdugo, o fondo da ría e os bancos marisqueiros”, resumiu con dureza, para cuestionar directamente á titular de Infraestruturas e Mobilidade se esta actitude lle parecía “de recibo”.

Lourenzo replicou á conselleira, quen dixo dar a cara e estar cumprindo os protocolos e os procedementos establecidos, que “por suposto que dan a cara, pero durísima en beneficio de Naturgy” e recriminoulle “esquecer eses mesmos protocolos e procedementos” cando a Fiscalía ve un delito medioambiental na presa do Inferno ou cando o concello de Soutomaior acorda reclamar a retirada da presa.

“É que non lle fan caso ni aos seus propios alcaldes, señora conselleira, tamén nisto se lles esquece cumprir a lei e cumprir os procedementos”, afeou, para concluír a continuación que só quedan dúas opcións: “vir aquí e dicir que vostedes non sabían nada, e nese caso son vostedes uns incompetentes, ou admitir que si sabían algo e que conscientemente deixaran caducar ese expediente para beneficiar a Naturgy, e nese caso demostran o que son vostedes, unha estrutura ao servizo das empresas amigas do PP”.      

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG