A portavoz de Industrias Alimentarias do BNG no Parlamento, Ariadna Fernández, acusa á Xunta de ter o sector gandeiro abandonado fronte á baixada que se prevé no prezo do leite e o aumento de custos pola guerra. Un escenario que, advirte, anticipa unha baixada “drástica” na marxe de beneficios que fará que pechen aínda máis explotacións gandeiras. “Malia o escenario que se aveciña, a Consellería de Medio Rural segue en posición de espectadora e non actúa con responsabilidade para defender o sector”, critica.
Ariadna Fernández subliña que Galiza aporta o 42 % da leite que se produce no Estado, o que lle da unha posición de forza que non se ve reflectida nas negociacións coa industria, polo que insta ao Goberno de Rueda, que até o de agora “se mantén impasible”, á poñerse á fronte nas negociacións da man do sector para conseguir prezos xustos para o leite galego.
“Temos que aproveitar a nosa posición de forza”, asegura a deputada, que lembra que a finais de marzo rematarán os contratos vixentes entre os produtores e a industria láctea, anunciándose xa unha baixada de ata oito céntimos nos prezos por litro de leite en orixe. “As marxes de beneficios para os e as titulares das explotacións vanse reducir drasticamente”, engade, lembrando que os produtores/as galegas cobran historicamente polo leite menos que a media do Estado.
A deputada nacionalista critica que Medio Rural se limite a “botar balóns fóra” e a apelar á responsabilidade da industria, sen tomar medidas efectivas para defender un dos piares do sector primario galego, impulsando, por exemplo, a xeración de valor engadido do produto a través da súa transformación no territorio.
“A política para o sector lácteo galego non pode centrarse en producir máis nin en permitir que as empresas primen só a cantidade, nin tampouco en deixar que a industria ningunee ao noso sector”, apunta Ariadna Fernández, que urxe a Medio Rural a convocar a Mesa do Leite para abordar de inmediato unha situación que ameaza o futuro dun sector no que, salienta, só o ano pasado desapareceron 350 explotacións.
A portavoz de Industrias Agroalimentarias do BNG reclámalle ademais o Goberno de Rueda medidas de apoio ao sector ante a escalada de prezos a consecuencia de guerra iniciada por Estados Unidos e Israel en Oriente Próximo. Unha agresión militar que, subliña, repercute notablemente nos custes de produción da gandería galega polo encarecemento dos combustibles, os fertilizantes e outros produtos para a alimentación do gando.
Aos prezos do leite e dos custos de produción, Fernández engade a “preocupación” dos gandeiros para facer fronte ás enfermidades que afectan aos animais, como é o caso, nestes momentos, a dermatose nodular contaxiosa. “Avecíñanse meses de gran incerteza para un sector que debera ser protexido e blindado por unha consellería de Medio Rural que, evidentemente, non o fai”, conclúe a deputada do BNG.