parlamento galego

BNG acusa á Xunta de “abandonar” Pantón tras o incendio de setembro e de incumprir os acordos parlamentarios

Veciñanza de Pantón
Veciñanza de Pantón
Iago Suárez denuncia que a Consellería non executou os traballos de contención e restauración hidrolóxico-forestal aprobados por unanimidade no Parlamento, poñendo como exemplo o monte de Lornís, xunto ao BIC de Santo Estevo do Sil

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Iago Suárez, denunciou o "abandono" por parte da Xunta do concello de Pantón, gravemente afectado por un incendio o pasado mes de setembro que calcinou milleiros de hectáreas e puxo en perigo vivendas habitadas. Durante a súa intervención no Parlamento, Suárez estivo acompañado por veciños da localidade, que seguiron desde a tribuna unha sesión marcada polas críticas á xestión da Consellería de Medio Ambiente.

"No pasado mes de setembro Pantón ardeu, moito. Ardeu o monte e con el ardeu unha enorme riqueza", declarou o deputado nacionalista, que fixo especial fincapé nos danos sufridos no monte de Lornís. "Estas persoas vían como o lume arrasaba a súa terra, doíalles o corazón e sentíronse soas", engadiu.

Suárez foi moi duro coa resposta institucional. "Vostede dirame que a Xunta fixo todo o que puido, pero aforre o conto: a Xunta nin estivo, nin está", espetou dirixíndose á conselleira. Segundo lembrou o deputado, existe un acordo parlamentario, votado a favor polo PP, que instaba a poñer en marcha "medidas inmediatas" para evitar a erosión, a contaminación dos ecosistemas fluviais e a restauración hidrolóxico-forestal das zonas queimadas.

"Vostedes realizaron os traballos de contención e restauración? Xa llo digo eu: non", afirmou rotundo, mostrando unha fotografía do estado actual do monte de Lornís como "proba" da "ausencia" da Consellería. "Así está Lornís por culpa da súa consellaría, que non cumpriu cos acordos aos que aquí chegamos", denunciou.

O deputado do BNG aproveitou a ocasión para criticar o que cualificou como uso "de parque temático" da Ribeira Sacra por parte do Goberno do PP. "Moito patrimonio da humanidade, moito anuncio e moita foto bonita, pero cando a Ribeira Sacra arde e cando necesitamos que o noso goberno goberne, vostedes abeiran, pasan de todo", sentenciou.

Suárez concluíu a súa intervención cunha batería de preguntas dirixidas á conselleira: "Por que non realizaron os traballos de contención? Por que deixaron a veciñanza abandonada? Señora conselleira, canto vale a súa palabra?".

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG