A viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, reclamou o Goberno de Alfonso Rueda que explique aos galegos e as galegas por que Galiza renunciou a exercer a súas competencias durante a crise provocada polo apagamento eléctrico. Unha renuncia que, advertiu, “demostra moi pouca confianza na capacidade do País e mesmo pouca confianza na propia capacidade do Goberno galego”.
O BNG rexistrou hoxe mesmo unha solicitude de comparecencia urxente no Parlamento do presidente da Xunta para que explique os motivos de ter deixado o mando da crise en mans do Goberno central na noite do 28, máxime tendo en conta que “as galegas e os galegos e todos os servizos públicos de emerxencia e da propia Xunta demostraron dilixencia, capacidade e solvencia” para enfrontar unha crise “insólita e excepcional” durante todo ese día.
Rodil destacou que a, a excepción de Castilla la Mancha, todas as comunidades que pediron o nivel de alerta 3, renunciando as súas competencias de dirección e coordinación da crise, están gobernadas polo PP, polo que todo apunta a que esta decisión responde “ao cumprimento dunha orde desde a dirección do PP na rúa Génova” e non a atender os intereses dos galegos e as galegas.
“No BNG cremos que sempre debe manterse a capacidade de decisión en Galiza”, subliñou, deixando claro que “non había razón que xustificase” a renuncia da Xunta, polo que “é lamentable e triste que se poñan as competencias e o goberno de Galiza ao servizo da estratexia electoralista do Partido Popular en Madrid”. “Que explique as razóns”, reiterou.
Rodil achacou ás “decisións políticas” do PP a “confusión” e mesmo as situacións “caóticas” que se viviron no ámbito educativo. “Entre a noite do 28 de abril e a mañá do día 29 vimos como a Xunta difundía informacións contraditorias xerando unha enorme confusión entre o profesorado e demais persoal dos centros e as familias”, dixo.
Segundo explicou, a última hora da tarde do luns “díxoselles aos centros que se suspendían as clases” e a través dos servizos de inspección comunicouse ás direccións que o profesorado non tiña que acudir, “como moito que estivese a dirección e o conserxe por se aparecía algunha incidencia”. Como consecuencia disto, as escolas infantís non abriron o 29 por decisión da Xunta. Porén, na mañá do martes, doce horas máis tarde, a Xunta deu a “contraorde” de que abrisen os colexios para prestar servizos de conciliación.
Orde e contraorde nos centros educativos: “A xente non sabía que facer”
“A xente non sabía que facer. Os profesores non sabían se tiñan que ir, as direccións non sabían se tiñan que abrir e as familias tampouco sabiamos que facer cos pequenos”, resumiu. “Cal foi o problema? Que polo camiño, entre unha información e a contraria, o goberno do PP decidiu renunciar ás competencias e ao autogoberno galego”, concluíu.
A viceportavoz nacionalista emprazou ademais ao Goberno de Rueda a comparecer no Parlamento para valorar o impacto económico que tivo o apagamento en Galiza, cun tecido industrial e económico altamente dependente da electricidade, desde Alcoa até explotacións gandeiras de leite, hostalería ou “calquera establecemento que defende de sistemas de refrixeración”. “É importante que se dea conta do impacto económico para artellar as medidas, axudas ou políticas que sexan necesarias para apoiar estes sectores”, engadiu.
Olalla Rodil aproveitou a súa comparecencia ante os medios para destacar, máis unha vez, o comportamento dos galegos e as galegas nesta crise, agradecendo especialmente o traballo de todo o persoal dos servizos de emerxencias e implicados na restitución da normalidade. Así mesmo, trasladou en nome do BNG o “máis sentido pesar” polo falecemento de seis persoas durante a caída do subministro eléctrico.