A portavoz de Facenda do BNG no Parlamento, Noa Presas, acusou o Goberno de Rueda de someterse ás ordes Feijóo facéndolle perder a Galiza a “oportunidade” que supón a quita da débeda de máis de 4.000 millóns de euros que o Bloque negociou en Madrid.
“Cada euro que se aforre no pagamento da débeda, é un euro máis que destinar os servizos públicos”, advertiu, emprazando o Executivo do PP a decidir “se deixa pasar a oportunidade da quita por facer seguidismo da estratexia de Génova ou rectificar para defender Galiza”.
Presas lamentou o rexeitamento do PP ao acordo de País proposto no Pleno polo Bloque para, entre outras cuestións, abordar a concreción da quita e, en consecuencia, paliar “un dos problemas máis importantes da situación económico financeira” da administración galega e reinvestir os recursos que o noso País se aforre por esta vía no reforzo dos servizos públicos.
“O que pase ou deixe de pasar con esta oportunidade vai definir a vida dos galegos e das galegas, porque vai afectar directamente ao orzamento e polo tanto a cuestións que o goberno podería mellorar con máis capacidade económica”, manifestou a deputada, aludindo neste punto á “sanidade pública maltratada” polos anos de goberno do PP.
Un Partido Popular que triplicou a débeda pública do País ata facer que hoxe Galiza teña unha “mega hipoteca de 12.000 millóns de euros”, subliñou, lembrando que esta cantidade supón case o orzamento da Xunta “dun ano enteiro”. E malia iso, denunciou, hai máis de 196.000 persoas agardando por unha primeira consulta hospitalaria —máis que na pandemia—, un 18 % máis de orzamento dedicado a concertos coa sanidade privada e un precario sistema de atención á saúde mental para o que o PP prometeu 80 millóns e só investiu 33,5.
A deputada do Bloque acusou o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, de poñerse á fronte dunha “escenificación ridícula e patética” para rexeitar a proposta de condonación de máis de 4.000 M€, unha cantidade que equivale ao que gasta a Consellería de Educación en persoal en dous anos. É —dixo— un “bo punto de partida” para a negociación porque inclúe a todas as comunidades, independentemente de que se adheriran ou non ao FLA, compensando equitativamente ás que non o fixeron, como o foi o caso de Galiza e como se acordou pedir por unanimidade no Parlamento galego no ano 2023.
“Poden retorcer a realidade, pero faise o que pediu este Parlamento”, engadiu, subliñando a disposición do BNG a debater se os criterios da proposta do Estado “nos gustan ou queremos poñer outros”.
A portavoz nacionalista de Facenda lembrou que ata o 30 de maio a Xunta aínda pode facer achegas, posto que o Ministerio acaba de sacar a consulta pública previa a condonación da débeda. É por iso que insistiu en que o Executivo de Rueda debe rectificar e ir “á repesca”, facendo “o que non fixo en dous meses e dúas reunións”, incluído o encontro do pasado 21 de abril no que o representante da Consellería “empregou tres minutos en repenicar os argumentos de Génova no lugar de negociar por Galiza”.
“Son o Partido Popular máis submiso ás ordes de Madrid da historia, o máis contrario aos intereses de Galiza da historia e un PP que se cre as súas mentiras”, sostivo Noa Presas durante a defensa dunha moción que reclamaba tamén abordar un calendario das entregas a conta pendentes para Galiza, así como a asunción por parte do Goberno central dos sobrecustos causados por este prexuízo.
A proposta para un acordo de País presentada polo Bloque incluía así mesmo abordar o avance no autogoberno económico e financeiro e na autorresponsabilidade fiscal de Galiza aprobando previamente, e antes do remate do vixente período de sesións, unha proposta concreta no Parlamento.