parlamento galego

BNG acusa o PP de seguir precarizando as 102 “falsas autónomas” das casa niño con soldos que non chegan ao SMI

Ariadna Fernández
Ariadna Fernández

Ariadna Fernández reclama á Xunta aumentar as contías anuais, pagar en tempo e facerse cargo dos custos das contratacións de persoal substituto

O BNG tamén considera fundamental unha listaxe de persoal que estea dispoñible para chamar en caso de necesitar substitucións esporádicas

A portavoz de Infancia e Familia do BNG no Parlamento, Ariadna Fernández, criticou o PP por seguir precarizando as 102 “falsas autónomas” titulares que manteñen abertas as casas niño,  o servizo de conciliación nos concellos rurais mais pequenos, que contan cunha axuda da Xunta de Galiza e que para o BNG é claramente insuficiente, ao non acadar nin sequera o Salario Mínimo Interprofesional (SMI).

Segundo indicou a deputada, a achega ascende a  29500 ao ano, case a metade dos cales se van en gastos de traballo –alugueiro, auga, calefacción, seguro do local, seguro de accidentes, xestoría, luz, IRPF, arranxos, material funxible ou a cota de autónomos), quedando limpos para a traballadora ––na súa maioría son mulleres– unha contía que non chega ao SMI.

“A quen dos presentes lles gustaría traballar nestas condicións laborais e salariais?, preguntou, aclarando que estas 102 titulares son autónomas a efectos de obrigacións tributarias e de pagos de cotización, pero son empregadas ao ter por riba de si alguén que lles marca as condicións de traballo, neste caso, a administración galega. “Teñen o malo de cada unha das dúas caras da moeda, non saen gañando nunca”, lamentou.

A deputada nacionalista tamén puxo o foco na falta de opcións para ser substituídas en caso de circunstancias sobrevidas que non poden controlar, como levar o seu propio fillo ou filla ao médico, exemplificou. “Esta é a conciliación da Xunta de Galiza no rural”, expresou, emprazando o Goberno galego a asumir os custos das contratación dese persoal substituto.

É por iso que o BNG, ademais de pedir que se aumenten as axudas anuais e que se pague en tempo, considera fundamental a creación dunhas listaxes ou bancos de substitucións para poder acceder a elas cando sexa preciso. Así mesmo, a Xunta debería clarificar a normativa para que non leve a enganos e establecer unhas condicións laborais nas que as traballadoras poidan pechar — informando ás persoas usuarias das casas niño— en días nos que se vexan afectadas por enfermidades de familiares, citas medicas ou asuntos sobrevidos.

Na súa intervención na Comisión 5ª, Fernández recriminoulle á Dirección Xeral de Infancia e familia que se reúna coas titulares das casas niño e que, porén, non sexa quen de comprender  que as están a precarizar para que ofrezan o seu traballo nun sistema de coidados nos que elas coidan pero non reciben o mesmo trago por parte da administración. “Vostedes venden a conciliación no rural e elas vívena e sófrena”, criticou. 

Afeoulle así mesmo ao PP que a todas as súas demandas de aumento da axuda, de necesidade de días de asuntos propios, de necesidade dun banco de sustitución que lles facilite a vida en circunstancias que non poden controlar, o goberno de Rueda lles ofrecese un local gratuíto no Carballiño para facer unha formación. “Hai que ser vendefumes. hai que pensar ben pouco nas persoas e hai incluso que ter certa intención de burla para ser capaces diso. Formación en malabarismo económico?”, ironizou.

Tamén lle pareceu “unha vergoña” que se lles diga a estas traballadoras que “hai que revisarlles as declaracións da renda” para saber se gañan cartos ou non e se merecen un aumento da contía das axudas ou non. “É unha cuestión de respecto ás persoas”, manifestou, engadindo que tampouco lle parecen normal que lles digan que “poñan máis atención ás casas niño que ao resto de cousas que queren facer na súa vida”, en relación ás publicacións nas redes sociais. “A ver se agora as traballadoras das casas niño van solucionar os problemas de demografía que temos”, aclarando que, por moito que publiciten o seu servizo nas redes sociais, “non van nacer máis nenos”.

O PP votou en contra da iniciativa do BNG. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG