BNG acusa o PP de pechar o Debate do Estado da Nación sen unha soa proposta para resolver os problemas reais da xente

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil: “O presidente do estancamento só aplica receitas fracasadas que empeoran a vida dxs galegos e só ofrece o espolio dos nosos recursos”

Fronte a “Arcadia feliz do PP”, o BNG presenta unha alternativa centrada en blindar os servizos públicos, poñer a riqueza de Galiza ao servizo do seu desenvolvemento social e económico e construír un País máis forte

Compara os anuncios de Rueda cos de Pémex: das 4.000 novas vivendas de promoción pública prometidas en 2024, hai 485, incluíndo iniciativa privada

A viceportavoz nacionalista no Parlamento, Olalla Rodil, criticou que, un ano máis, o PP impuxese o seu rodete absolutista ás propostas para mellorar vida da xente que o BNG defendeu no Debate do Estado da Nación. Un debate que, lamentou, remata sen que os galegos e as galegas “que viven afastados das comodidades de Monte Pío” puideran escoitar “nin unha soa proposta do presidente da Xunta para resolver os seus problemas e preocupacións”. 

“Aí fora hai xente que vive abafada por ver como o aluguer é cada ano máis caro e o salario da cada vez para menos, xente angustiada que ten que agardar quince días ou un mes por unha cita no centro de saúde ou anos por unha proba médica (...), milleiros de persoas esperando por unha vivenda ou por unha praza de residencia, ou por que a súa filla ou o seu fillo teñan un profesor especializado”, advertiu. 

É a xente, proseguiu, que “non vive na Arcadia feliz do PP onde todos bailamos unicornios e comemos polvos de estrelas” e que está agardando por un goberno “que lles faga oco entre tanto anuncio e propaganda”. “Lamentablemente, o que temos é un presidente do estancamento que aplica vellas receitas fracasadas, que están empeorando a vida das galegas e galegos e que só ofrece o espolio dos nosos recursos”, dixo.

Criticou así que “o grande anuncio” do PP no Debate de Política Xeral fose “dificultar as baixas laborais”, porque “para Rueda as traballadoras e traballadores somos uns vagos e maleantes e os médicos uns defraudadores”, argumentou, para criticar que á hora de facer a súas propostas os populares non tivesen en conta, por exemplo, que Galiza lidera todos os anos o ranking da sinistralidade laboral, con  43 mortos o ano pasado. 

“Rectifiquen e pídanlle desculpas ás traballadoras e traballadores galegos, e se de verdade lles preocupa o máis mínimo a xente que está de baixa, reforcen o persoal da sanidade pública para atender ás enfermidades laborais”, dixo, cominando ás bancadas populares a apoiar a proposta feita, neste sentido, polo BNG. 

No mesmo sentido, Rodil exixiu unha rectificación porque Rueda acudiu o DEN con “cero propostas en igualdade”. Tamén, neste caso, emprazou ao grupo do PP a apoiar as iniciativas do Bloque para avanzar en igualdade e políticas feministas, como a de garantir atención psicolóxicas ás vítimas da violencia machista en Atención Primaria ou recuperar para o público os centros de crise 24 hora.

Fronte o estancamento e a propaganda do PP, a deputada nacionalista defendeu o proxecto do Goberno alternativo do BNG, liderado por Ana Pontón, para “resolver os problemas de hoxe e encarar os desafíos do futuro”, construíndo unha Galiza “sen límites que poña o noso País na vangarda das nacións máis avanzadas”. “Galiza merece máis, moito máis” que un presidente “que nos quere estancadas, conformadas e resignadas” e que só ofrece “o espolio e a rapina dos nosos recursos”, subliñou. 

Destacou, neste punto, que a alternativa “clara e solvente” sintetizada nas corenta propostas de resolución do BNG ten tres grandes obxectivos: blindar e reforzar os servizos públicos, poñer a riqueza de Galiza ao servizo do desenvolvemento social e económico de Galiza e construír un País máis forte nun escenario cada vez máis complexo. 

Limitar o prezo dos alugueiros e mercar vivenda baleira

Rodil detallou algunha das propostas do BNG, que contrapuxo á “propaganda” do PP que, no caso da vivenda, exemplificou co que sucedeu cos barcos de Pémex. “Nin o PP era capaz de explicar a cifra de quimiqueros, buques abastecedores e remolcadores que se ían facer en Galiza. E o resultado final foi: un barco nos estaleiros galegos e a cúpula de Pémex en chirona”, lembrou. 

Hoxe, proseguiu, Rueda promete miles de vivendas pero a realidade é que das 4.000 anunciadas en 2024, só hai 171 protexidas rematadas, 485 sumando “públicas, privadas e mediopensionistas”, ironizou, para advertir que “as galegas e os galegos non viven de anuncios nin pagan o aluguer con propaganda”. 

É por iso que pediu o apoio a iniciativa nacionalista para impulsar un plan de compra pública de vivenda (hai 90.000 baleiras só nas cidades) ou para limitar o prezo dos alugueres por lei a través da declaración de zonas tensionadas.  

Máis recursos humanos e un plan de choque contra as listas en sanidade

No mesmo sentido, a viceportavoz nacionalista criticou que mentres os galegos e galegas agardan un mes por unha cita no centro de saúde, mentres hai 11.000 nenos/as sen pediatra e 380.000 persoas en lista de agarda nos hospitais sen contar a lista B, Rueda  volva anunciar un plan de atención Primaria que xa prometeu en 2019, ou 35 psicólogos para dentro de dous anos cando hai no País 400 centros de saúde. 

“Na provincia de Lugo hai 3 profesionais da psicoloxía para unha poboación adualta de 300.000 habitantes”, salientou Rodil, para defender , entre outras propostas do BNG, a de aprobar un plan de recursos no Sergas que inclúa 100 psicólogos/as clínicos ou un plan de choque para acabar coas listas de espera hospitalarias. 

Servizos públicos fronte a cheques miseria

Tras lembrar que o “envellecemento” é, tras a vivenda e a sanidade, o terceiro problema que máis preocupa ás e aos galegos, Rodil denunciou que na “Arcadia feliz” do PP para acceder ao SAF “tes que esperar a que morra un veciño” ou agardar dous anos por unha praza pública de residencia. 

Por iso, o programa alternativo do BNG propón a creación de 1.000 novas prazas ao ano de residencias  e centros públicos da Xunta e incrementar a financiación do Servizo de Axuda no Fogar até os 20 euros hora en 2027. “Máis e mellores servizos para garantir os dereitos das persoas maiores e dependentes fronte a un PP que só ofrece cheques miseria”, resumiu. 

Factura da luz máis barata

Rodil dedicou así mesmo parte do seu discurso a explicar a alternativa do Bloque respecto á situación económica, pois esta é, recalcou, outra das grandes preocupacións da xente. “Galiza ten todo para avanzar e progresar pero temos un goberno decido a vender a prezo de saldo os recursos e a riqueza do País”, afirmou, e recalcou que a aposta nacionalista neste eido pasa por un cambio de modelo para poñer esa riqueza ao servizo do desenvolvemento do País.

Defendeu así a tarifa eléctrica galega e a creación dunha empresa pública de enerxía para abaratar a factura da luz nos fogares do País ou, no que ten que ver cos recursos mineiros, garantir que nos novos concursos de dereitos se da prioridade ao peche de ciclos produtivos en Galiza e á protección ambiental.  

“Crear valor engadido xerando postos de traballo de máis calidade e maior riqueza no territorio. Esa é a clave. Na minería e tamén no sector agrogandeiro ou forestal”, precisou, para subliñar a continuación outras propostas como elevar o investimento en I+D+i ata situala no 2,5 % do PIB en 2030, un plan de desenvolvemento industrial que peche os ciclos que cree valor engadido, un instituto galego de crédito ou o impulso dun fondo soberano para os investimentos estratéxicos. 

Deixar de pedir para comezar a decidir

Rodil reservou a parte final do discurso ás propostas do BNG para construír unha Galiza máis forte porque, segundo denunciou, “o que falla no é o País, é o traxe”. É dicir, “un marco político que lle queda estreito” e que o PP aínda fixo máis pequeno porque nin o cumpren, nin o desenvolven nin piden máis competencias. Un traxe, o Estatuto do 81, que —proseguiu co símil— impide que hoxe os galegos poidan decidir sobre os impostos que pagan, sobre a AP-9 ou sobre os horarios dos trens. 

A alternativa do BNG neste eido pasa por “deixar de pedir para comezar a decidir” , polo que entre as súas propostas de resolución estaban a de abrir con este obxectivo unha ponencia no Parlamento e defender un sistema de financiamento xusto a través dun concerto económico que dea aos e ás galegas a chave dos seus cartos. 

A viceportavoz nacionalista destacou, por outra banda, a necesidade de garantir os dereitos lingüísticos a través do cumprimento inmediato do Plan Xeral de Normalización Lingüística e a recuperación “do consenso político que o PP rachou” a través da derrogación do decreto da vergoña garantindo o carácter vehicular da lingua galega no ensino. 

“No BNG temos o convencemento de que Galiza merece máis, moito máis, e como goberno alternativo temos un proxecto ambicioso para construír unha Galiza sen límites que poña o noso País na vangarda das nacións”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG