A deputada do BNG polo Barbanza, Rosana Pérez, acusou ao PP de “faltarlle ao respecto” a toda á veciñanza da comarca por “mentir” sobre a realidade sanitaria da comarca, negando a falta de recursos na Atención Primaria de Boiro, A Pobra, Rianxo e Ribeira e achacando a unha “organización eficiente dos recursos” as carencias polas que a cidadanía leva meses mobilizándose.
“Non teñen nin o máis mínimo respecto, porque veñen aquí a defender unha realidade que non existe e a dicir que a falta de persoal, as listas de espera e os motivos polos que está pechada a cidadanía hoxe mesmo na comarca do Barbanza se debe a unha organización eficiente dos recursos”, asegurou Rosana Pérez tras escoitar os argumentos do PP contra a iniciativa rexistrada polo BNG para reclamar a cobertura de xeito estábel e inmediato do 100 % de persoal facultativo nos centros de saúde de Ribeira, Boiro, A Pobra e Rianxo.
Unha iniciativa na que o BNG, facéndose eco das demandas da cidadanía, tamén reclamaba a ampliación do horario de atención do PAC da Pobra do Caramiñal, que a Consellería de Sanidade recortou obrigando ás persoas doentes deste concello a acudir de luns a venres entre as 15.00 e as 22.00 horas ao Punto de Atención Continuada de Ribeira, que xa leva anos nunha “situación límite”.
Rosana Pérez lembrou que a veciñanza da Pobra vén de entregar neste mes de abril máis de tres mil sinaturas para reclamar un PAC operativo as 24 horas, unha esixencia que comparte a cidadanía de Rianxo, que tamén leva meses mobilizándose por un horario máis amplo no seu PAC ou para demandar un servizo de ambulancia permanente e a recuperación do reforzo de pediatría.
Na súa radiografía sobre a situación da atención sanitaria do Barbanza, a deputada do BNG expuxo, contra os argumentos do PP, que no centro de saúde de Ribeira faltan médicos, matronas e pediatras, e que en Aguiño hai un só facultativo desde hai meses, “aínda que ás veces, cando lle toca a lotería, acude outro profesional catro horas ao día”. As concentracións cidadáns sucédense igualmente desde hai meses en Ribeira, remarcou.
A deputada nacionalista advertiu, por outra banda, das listas de espera no Hospital do Barbanza que, segundo dixo, “xa non son cuestións de semanas nin de meses, senón de anos”. Unhas listas que, criticou, a Consellería de Sanidade mantén ocultas, negando así a transparencia que lle están a reclamar desde a plataforma cidadá que leva case tres anos solicitando sen éxito unha reunión coa xerencia da área sanitaria e co director do hospital.
“A lista de espera para unha intervención no hospital supera con moito os tres meses dos que vostede fala”, díxolle Rosana Pérez á deputada do PP durante o debate da iniciativa do BNG, que incluía entre as demandas á Xunta a de recibir, a través da Xerencia da Área Sanitaria Santiago-Barbanza e da Dirección do Hospital Comarcal do Barbanza, ás representantes da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza que permanecen concentradas no Hospital dende o pasado 21 de abril, para darlles conta das listas de espera reais do centro, incluídas as relativas ás segundas consultas, así como das medidas previstas para melloralas.
“O mínimo que poden facer é recibir á xente que demanda ser escoitada polos seus responsables políticos. Ademais, iso non costa cartos nin hai que traer a Pedro Sánchez collido pola garabata para que poña profesionais”, ironizou a deputada da comarca, que acusou á Consellería de Sanidade de “botarlle a culpa sempre aos demais” e non asumir a súas competencias mentres “miles de persoas están desatendidas” pola sanidade pública.