BNG acusa o PP de facer “filibusterismos contables” para tapar a súa mala xestión e que deixou case 800 M€ sen gastar

Noa Presas
Noa Presas
Presas censura que, malia as promesas de Rueda, quedaron sen executar 23 M€ para acceso á vivenda ou 82 de Medio Rural no peor ano dos lumes 

A portavoz de Facenda do BNG no Parlamento, Noa Presas, acusou o PP de facer “filibusterismos contables” para tapar a súa mala xestión orzamentaria e “maquillar” a realidade das cifras, como que a Xunta deixou sen executar no ano 2025 case 800 millóns de euros “que podían aplicarse a políticas sociais ou a investimento”.

“Os datos non menten, quen mente e manipula é o PP para tapar a súa mala xestión”, advertiu a deputada do BNG na Comisión de Facenda, na que defendeu unha iniciativa para mellorar a planificación orzamentaria e atallar as “debilidades, deficiencias e problemas de xestión” que ano tras ano reitera o Consello de Contas nas Contas Xerais.

Segundo destacou Presas, o propio órgano fiscalizador asegura no seu último informe que “o resultado orzamentario está sobrevalorado”, entre outros motivos porque non se executa “en tempo e forma”. Ademais, hai unha “deficiente orzamentación”  polo uso de mecanismos extraordinarios para cubrir gastos “perfectamente previsibles”. 

A mala xestión do PP na Xunta fai, segundo denunciou Presas, que o orzamento inicial perda valor como “instrumento de planificación real”, pois “acaba sendo profundamente alterado durante o exercicio. Unha práctica que, engadiu, “pode ser legal pero non ética”. 

A portavoz de Facenda do BNG cualificou de “chapuza orzamentaria” o traballo da Consellería e censurou que, entre as sección con menor nivel relativo de execución, repitan as consellería de Emprego, Medio Ambiente, Mar, Vivenda, Economía ou Medio Rural. “Como non vai caer, por exemplo, a produción industrial se as consellerías responsables dos motores económicos non executan?”, preguntou. 

Afondando nesta cuestión, reprobou que de maneira recorrente, ano tras ano, hai partidas dos Orzamentos da Xunta que non chegan ao 50 % de execución, como é o caso do programa de formación de persoas ocupadas e desempregadas –do que quedaron no caixón en 2025 máis de cen millóns de euros– ou o Plan Galego de Investigación. 

Na mesma liña, criticou que, malia as promesas de Rueda de impulso as políticas habitacionais, dos orzamentos do ano pasado quedaron sen gastar 28 millóns de euros do programa de acceso á vivenda. Así mesmo, en Política Social deixáronse sen executar 110 M€ “para despois estar rateando a miserenta subida do SAF”, apostilou.  No ano da gran crise incendiaria, non se gastaron tampouco 82 M€ de Medio Rural, nin partidas destinadas á loita contra a violencia de xénero.  

Entre outros exemplos, aludiu así mesmo ao programa de prevención do abandono escolar, para o que orzamentaron 30 millóns dos que acabaron “chapodando” ata 15 millóns, sendo este o programa que liderou os recortes nas contas de 2025. 

A iniciativa do BNG, rexeitada polo PP, reclamaba impulsar unha actualización normativa e unha planificación orzamentaria, cun calendario de aplicación e impulso das recomendacións en materia orzamentaria de contas e a obriga de render contas ao Parlamento galego, mediante informe fundamentado, cada vez que unha partida de gasto non acade o 75 % de execución orzamentaria.

Presas reclamou ademais unha ampliación da información referente ás modificacións orzamentarias, maior transparencia do uso do fondo de continxencia e información detallada da planificación plurianual daqueles programas de gasto que exceden o ano orzamentario.   

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG