BNG acusa o PP de desmantelar o sistema público da dependencia con axudas ‘low cost’ e políticas de privatización

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil advirte que por primeira vez hai máis persoas dependentes pagando unha residencia privada que nunha praza pública ou concertada

Denuncia que en só dous meses a Xunta recortou en 17M€ o financiamento que reciben os concellos para o SAF, “ao bordo da quebra”

A portavoz nacionalista de Política Social, Olalla Rodil, acusou o PP de “desmantelar a dependencia como servizo público” con axudas “low coast” e estar aplicando unha “política asistencialista e privatizadora” que, lonxe de garantir dereitos, “precariza, individualiza e devolve os coidados ao fogar” para que “sexan asumidos maioritariamente, por non dicir na práctica, a súa totalidade, polas mulleres”.

Rodil repasou en rolda de prensa o estado no que se atopa a atención á dependencia en Galiza que está a desenvolver o Goberno de Alfonso Rueda, logo que este “sacara peito” na rolda de prensa posterior ao último Consello da Xunta que, por certo, mudou de día nun novo “exercicio de submisión do Partido Popular” para, subliñou, “entregar medallas a institucións que non o merecen”.

A tamén viceportavoz parlamentaria do BNG contrapuxo aos datos dun PP “que é un artista en sacar das cifras o que máis lle interesa para ocultar a parte máis importante que é a que ten que ver coa situación na que se atopan as persoas dependentes”.

Por iso, confrontou as declaracións do titular da Xunta cunhas “cifras que non precisamente para botar foguetes”, xa que en Galiza hai aínda hoxe un total de 2.034 persoas agardando pola dependencia. “Agardando un tempo que duplica o que establece a propia lei de dependencia para a tramitación desta condición”, remarcou.

Neste sentido, recordou que o tempo medio de tramitación en Galiza son 361 días, o que converten ao País na cuarta comunidade na que maior tempo de espera existe para acceder á condición de persoa dependente e, polo tanto, ás prestacións vinculadas á mesma.

En relación ao investimento neste ámbito de actuación, Rodil salientou que Galiza “é a comunidade que menos inviste por persoa dependente”, en concreto, 1.317 euros por persoa fronte aos case 2.000 euros da media estatal, unha cifra aínda máis afastada dos 2.900 euros que inviste o Goberno vasco por persoa dependente en Euskadi.

Así pois, e lonxe de garantir os dereitos das persoas dependentes, o Executivo do PP está a desmantelar o sistema público de atención á dependencia, o que a portavoz de Política Social evidenciou con tres datos moi esclarecedores.  

O primeiro é que o PP está recortando os servizos e substituíndoos por “axudas pírricas” que non garanten o dereito das persoas maiores e dependentes. Utilizando a mesma franxa temporal que usou o titular da Xunta para presumir de xestión, o primeiro semestre deste 2025, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) perdeu 1.026 persoas usuarias e os centros de día perderon case 300.

É dicir, que “mentres se van baleirando e desmantelando os servizos, as axudas asistencialistas incrementáronse en máis de 6.000”, advertiu, para subliñar a continuación que estas axudas denominadas para o coidado no domicilio “non chegan a 400 euros ao mes, menos da metade do Salario Mínimo Interprofesional”.

O segundo dato no que a viceportavoz parlamentaria do BNG puxo o foco é o recorte do orzamento destinado ao SAF no que segue afondando o Executivo de Rueda, un servizo que atende a máis de 23.000 persoas e cuxo financiamento a Xunta continúa reducindo para dirixilo a esas “axudas asistencialistas”.

Deste xeito, e analizando as modificacións de crédito, as modificacións orzamentarias do pasado mes de xuño, son 12 millóns de euros os que lle recorta o Goberno do PP ao orzamento do SAF, 12 millóns que se se suman aos cinco millóns que xa recortou a Xunta no mes de maio, suman en tan só dous meses, 17 millóns.

“Unha navallada de 17 millóns de euros ao orzamento do Servizo de Axuda no Fogar que está ao bordo da quebra e absolutamente colapsado polo infrafinanciamento como veñen denunciando, non só o BNG, senón tamén os concellos e a FEGAMP, na que están representados todos os concellos, incluídos os que goberna o Partido Popular”, sintetizou.

Nesta liña, recordou que no último Pleno parlamentario deste período de sesións, o PP votou en contra da proposta do Bloque de incrementar o financiamento do SAF a 20 euros a hora co obxectivo de poder blindar un servizo que garanta “unha atención digna para as persoas usuarias e digna tamén para as persoas traballadoras”.

En terceiro e último lugar, Rodil arroxou un último dato sobre o deterioro do servizo público: por primeira vez, hai máis persoas dependentes en Galiza pagando unha residencia privada que nunha praza dunha residencia pública ou concertada.

Concretamente, cifrou, hai máis de 7.400 persoas recibindo unha axuda pírrica, que oscila entre os 361 euros dun dependente en grao 1 aos 420 euros que é o máximo recibido nun grao 3 de dependencia. “É dicir, 420 euros como máximo para unha praza en residencia ao mes que custa unha media de 2.000 euros, e subindo”, recalcou.  

A portavoz de Política Social volveu denunciar neste sentido que as empresas privadas están fagocitando as axudas públicas e aplicando subidas nos custes mensuais nas súas residencias, incumprindo os parámetros dun dereito fundamental.

“As empresas privadas están valéndose dunha necesidade como é que miles de persoas, máis de 7.000 en Galiza, non poden acceder a unha praza pública para facer negocio desa necesidade”, criticou, para remarcar como esas axudas habilitadas polo Executivo do PP “van directamente á carteira de beneficios” destas empresas.

“Este é o modelo do Partido Popular na dependencia e do que saca peito o Goberno de Rueda, axudas low cost que perseguen dous obxectivos, volver o coidado no domicilio e que o asuman as mulleres co seu lombo”, resumiu, logo de lembrar que, segundo datos da propia Xunta, o 82% das persoas coidadoras no domicilio son mulleres que, en moitos casos, “abandona as súas carreiras profesionais para coidar de persoas dependentes na súa casa”.

“Algo que aplaude entusiasticamente tamén o Partido Popular, tal e como vimos nese acto absolutamente desprezable de propaganda no que fixeron dos dereitos das persoas un acto de submisión e culto ao líder”, recriminou.

Fronte a estas políticas asistencialistas e privatizadoras, Rodil reafirmou o compromiso do BNG na defensa do dereito que teñen os galegos e as galegas de contar cunha rede pública de servizos que garanta condicións de vida dignas para todas as persoas dependentes, especialmente para as persoas maiores. “Un dereito como o da vellez digna que debe garantirse igual que a sanidade, igual que a educación, a través dunha rede pública forte”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG