Parlamento Galego

BNG acusa o PP de darlle as costas as familias do CEIP Bergantiños e condicionar o futuro do alumnado que precisa de apoio

Daniel Perez con representantes da Anpa
Daniel Perez con representantes da Anpa

Daniel Pérez, aos deputados populares: “Só buscan defender á Consellería e non lles importa o dano que fan á xente que sofre polos fillos e as fillas”

O deputado do BNG Daniel Pérez lamentou este mércores, máis unha vez, a negativa do PP a que os nenos e nenas con necesidades específicas teñan a atención que precisan nas aulas, con profesorado especialista en Audición e Linguaxe (AL), Pedagoxía Terapéutica (PT), coidadores e persoal de apoio suficiente. Unha negativa que volveu quedar de manifesto co voto en contra dos deputados do PP a unha iniciativa nacionalista na que se emprazaba á Xunta a reforzar o cadro de persoal no CEIP Bergantiños de Carballo, no que aproximadamente o 35 % do alumnado ten necesidades educativas especiais (NEE) ou necesidades específicas de apoio educativo (NEAE).

“Vostedes só queren defender a capa e espada a xestión da Consellería de Educación e non lles importa o dano que con iso fan á xente que sofre polos seus fillos e fillas”, reproboulles Daniel Pérez aos deputados do PP, a quen lembrou  que a súa responsabilidade como representantes no Parlamento é defender os intereses da xente que os votou. “E o máis importante para a xente son os fillos e a súa educación”, agregou o deputado nacionalista, que acusou o PP de condicionar co seu voto o futuro das crianzas.  

A proposta do BNG, debatida en comisión, reclamaba en concreto a incorporación con carácter urxente dun/ha segundo/a orientador/a, reforzar o equipo de orientación á diversidade co incorporación de mestras e mestres de AL e PT en número suficiente, incluír este centro no programa PROA+ e dotalo así mesmo dun grupo de adquisición de linguas para a atender a nenos inmigrantes con carencias graves de comprensión do idioma.

A través da iniciativa debatida, Daniel Pérez fíxose eco das reclamacións das familias que, co apoio do profesorado, da veciñanza e de “case” todas as forzas políticas de Carballo -lembrou- manifestáronse “a cacerolada por día”  durante case dous meses para reclamar a atención que precisan os seus fillos e que, por lei, a Consellería ten a obriga de prestar dotando aos centros dos medios humanos e materiais necesarios. Unha representación das familias trasladouse hoxe a Santiago para seguir dende o Parlamento o debate da proposición non de lei do BNG.

O deputado nacionalista subliñou que o curso escolar comezou no CEIP Bergantiños con 575 alumnos e alumnas, dos que 20 estaban identificados xa naquel momento con necesidades educativas especiais e 180 con necesidades específicas de apoio educativo. Ademais, cando comezaron as protestas da comunidade educativa 50 nenos/as estaban pendentes de avaliación pola orientadora. As cifras foron variando conforme pasaba o curso, de maneira que, a día de hoxe, hai polo menos 22 con NEE, 198 con NEAE e medio centenar pendentes de valoración ou cos informes xa feitos pero sen apoio asignado. Ademais, salientou Daniel Pérez, desde o Nadal entraron no centro tres nenos de familias inmigrantes, algún con carencias moi graves de comprensión de galego e castelán.

Unha vez que o PP anunciou o seu voto en contra, o representante do BNG na comarca lamentou o intento do PP de refuxiarse “en catálogos, porcentaxes e números” para negar “unha realidade que todo o mundo ve”, que é que no CEIP Bergantiños hai nenos e nenas que non reciben a educación que precisan e aos que os deputados populares están condicionando as súas posibilidades de cara ao futuro.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG