O deputado do BNG Iago Tabarés acusou este venres ao PP de querer dar carpetazo á comisión de investigación sobre os chanchullos na contratación pública da Xunta logo de convertela nun “lamentable episodio de corrupción e degradación democrática e institucional” , facendo “todo o posible” dende o primeiro momento para que os galegos e as galegas non coñezan a verdade sobre o subrecusto do Álvaro Cunqueiro e, sobre todo, sobre o trato de favor nas contratacións menores e de emerxencia durante a pandemia.
Tabarés fixou este venres en rolda de prensa a postura que o BNG defenderá a vindeira semana durante o debate, no primeiro Pleno do ano, do ditame da comisión imposto polo PP e dos votos particulares presentados pola oposición. Malia que o PP fixo todo o posible para que a comisión puidese cumprir os seus obxectivos, cun programa de traballo feito a medida dos seus intereses, serviu para acreditar, en primeiro lugar, a “deriva antidemocrática do PP e a súa falla de respecto institucional”, destacou.
En segundo lugar, constatáronse “os extraordinarios prexuízos económicos” provocados pola privatización da construción e xestión do hospital de Vigo, cun sobrecusto de 470 millóns de euros, agregou Tabarés, que en terceiro lugar apuntou que a comisión serviu para acreditar a utilización “abusiva e irregular” da contratación discrecional, a dedo, en beneficio de familiares e altos cargos do PP e en prexuízo da cidadanía e do tecido empresarial galego.
O deputado do Bloque, membro da comisión, censurou neste punto os intentos do Goberno de Rueda por tapar as “notábeis irregularidades” na contratación pública ocultando a información que o BNG leva meses pedindo, e á que ten dereito en función do artigo 9 do Regulamento da Cámara.
Só en base á información do “escasamente transparente Portal de Transparencia da Xunta”, explicou, sábese que entre os anos 2018 e 20123 o Executivo do PP adxudicou 4.000 millóns en máis de un millón de contratos menores. Un tipo de contratos, matizou, que é perfectamente legal pero que debe utilizarse de maneira “excepcional e xustificadamente” pois é un procedemento no que a adxudicación é directa e non hai concorrencia nin publicidade, limita a posibilidade de presentar ofertas e “supón un risco de corrupción”.
Contratos menores, legais pero cuns con límites que hai que cumprir
Tabarés deixou claro ademais que este tipo de contratos ten uns límites, tanto cuantitativos como temporais, que hai que respectar, polo que non é admisible fraccionalos “para que pasen como menores servizos que realmente non o son”. Denunciou, neste punto, que na meirande parte dos casos dos contratos menores da Xunta “existe a posibilidade de utilizar outras fórmulas contractuais”.
Como exemplo do abuso de contratos menores, moitas veces fraccionados ou que infrinxen os límites temporais, referiuse ao caso de Eulen, a empresa que dirixe en Galiza a irmá de Feijóo, que só nos últimos cinco anos recibiu máis de 7 M€. A Eulen contrátaselle mensualmente a limpeza de varias escolas infantís de diferentes comarcas, “adxudicacións a dedo que deberían pasar a contratos participados nos que puideran participara diferentes empresas de Arteixo, A Coruña, Vigo ou Muros”, exemplificou.
Iago Tabarés referiuse tamén á empresa do irmán da actual secretaria xeral da Presidencia da Xunta, que só nos últimos sete anos recibiu case 800.000 euros en contratos menores por traballos que poderían realizarse dende a función pública. Desta cantidade, precisou, 286.000 euros foron adxudicados a través da Axencia de Turismo de Galiza, adscrita á Conselllería de Presidencia da que, tamén sendo titular da mesma Rueda, foi secretaria xeral Beatriz Cuíña.
En torno a 900.000 euros, proseguiu, foi o importe dos contratos outorgados a dedo á empresa dun dos alcaldes “pata negra” de Ourense, e 146.000 euros foron adxudicados a outra sociedade “dende que entrou na mesma tanto a secretaria xeral do PP como o seu marido xunto cun terceiro socio”.
“Ningún destes contratos, a pesar de ser solicitado, foi achegado pola Xunta de Galiza”, criticou o deputado ourensán, que denunciou así mesmo que o Goberno de Rueda aínda non puxo a disposición do Parlamento os contratos de emerxencia adxudicados a Universal Support, a empresa do grupo no que é alto cargo o cuñado de Feijóo, Alberto Caŕdenas.
A Xunta segue a ocultar así mesmo os expedientes de contratación con Mape Asesores, da que foi comisionista o compañeiro de Ayuso, Alberto González Amador, nin tampouco dos contratos adxudicados a Sibucco, a empresa que distribuíu máscaras con selo falso e á que a Xunta seguiu comprando subministración.