Parlamento Galego

BNG acusa o PP de apostar pola ampliación dun porto deportivo en Baiona que non deixará riqueza na veciñanza

Carmela González
Carmela González

Carmela González repróballe ao PP que venda o País a prezo de saldo a un fondo de inversión: “É unha burla que digan que xerará emprego”

A deputada do BNG Carmela González alertou este martes na Comisión 8ª das gravísimas consecuencias sociais e ambientais que terá a ampliación do porto deportivo de Baiona, impulsada polo Goberno galego. González denunciou que esta actuación “non responde ás necesidades da veciñanza”, senón que forma parte dunha estratexia de promoción do turismo masivo que está a facer inviábel a vida nos concellos afectados. “A ampliación do porto deportivo de Baiona expulsa á veciñanza e destrúe o medio ambiente”, manifestou.

Acusou o Goberno do PP de “vender o noso país a prezo de saldo” e sinalou que detrás da ampliación está o fondo de investimento Nauptalia Capital, “un máis aos que o PP lle vende o noso país”, que,—engadiu— “vai crear prazas de amarre, cafetería e aparcamento para a xente que chegue a Baiona en iate, embarcan e marchan, pero non para os baioneses e baionesas”. “Son vostedes os únicos que non o teñen claro”, resaltando a oposición da veciñanza a este proxecto.

 “É unha burla que o PP diga que esta obra vai xerar emprego”, sinalou González, que cualificou os postos de traballo previstos como “precarios, estacionais e mal remunerados, sen garantías de futuro”.

Segundo recordou na súa intervención Fernández, Baiona é un dos concellos máis tensionados pola presión turística, con consecuencias directas sobre o acceso á vivenda, o tecido económico e o día a día da poboación. Segundo os últimos datos dispoñíbeis, Baiona é o segundo  concello de Galiza con maior prezo de alugueiro, unha situación derivada da escaseza de vivenda dispoñíbel: preto do 50% das casas non son principais, senón segundas vivendas ou pisos turísticos.

Neste contexto, González lamentou que a mocidade de Baiona “teña que marchar a outros lugares para poder iniciar un proxecto de vida”, mentres que o tecido económico local se ve reducido ao turismo estacional. “A maior parte dos negocios só poden funcionar nos meses de xullo e agosto. Fóra deses meses, a actividade é inviable. Non hai alternativa económica real para os que viven todo o ano en Baiona”, denunciou.

Grave impacto ambiental

A deputada do BNG advertiu tamén do “impacto irreversible” que terá o recheo previsto na baía de Baiona. Citou o informe de avaliación ambiental estratéxica do propio Plan Especial do Porto, no que se recoñecen efectos ambientais significativos, negativos, permanentes e irreversíbeis, tanto sobre o medio natural como sobre o ciclo hídrico, a calidade das augas e a paisaxe.

Ademais, González alertou das denuncias presentadas pola plataforma Salvemos Santa Marta, que asegura que se están vertendo materiais procedentes das obras do Barrio do Cura de Vigo, con risco de contaminación mariña. “É escandaloso que Portos de Galicia e o Concello de Baiona estean a permitir esta actuación”, afirmou.

A deputada nacionalista tamén puxo o foco na desaparición da actividade pesqueira tradicional no porto: “O que Baiona precisa non son máis prazas de amarre para embarcacións de recreo, senón máis barcos de pesca. Estamos a perder un porto histórico, vital para a economía da ría”.

Finalmente, Carmela González fixo un chamamento ao grupo parlamentario do PP para que “rectifique” e se poña “do lado da veciñanza” e rexeiten este recheo para defender un modelo de vila que poña a vida no centro e respecte o medio ambiente. Malia todo, o PP votou en contra da iniciativa do BNG.

 “Nunca están vostedes do lado do pobo. Precisamente, quen empezan a ter turismofobia son vostedes, con este modelo que o único que fai é dificultar a vida das galegas e dos galegos. Sabemos que en Baiona sempre houbo turismo, pero había turismo de calidade e a xente podía vivir no seu pobo. Agora é imposible vivir en Baiona”, sentenciou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG