Parlamento Galego

BNG acusa o PP de actuar como un “goberno rancoroso” que castiga a Valdeorras e non fai nada contra o arrastre das cinzas

Secundino Fernández
Secundino Fernández
Secundino Fernández denuncia que o Executivo de Rueda usa a veciñanza como “refén” na a súa loita contra administracións doutras cores políticas

O portavoz de Medio Rural do BNG, Secundino Fernández, acusou o PP de actuar coma un “goberno rancoroso” que castiga á veciñanza de Valdeorras negándose a asumir as súas competencias para solucionar os problemas que está a ocasionar na potabilidade da auga o arrastre das cinzas dos montes queimados no mes de agosto.

Mentres o servizos de augas municipais da zona “están a traballar día e noite para poder levar auga potábel á veciñanza”, o Goberno de Rueda “non presta a mínima colaboración e castiga á poboación porque non aporta absolutamente nada para resolver un problema de saúde pública”, denunciou o deputado ourensán durante unha pregunta á conselleira de Medio Rural, María José Gómez, á que, no mesmo sentido, reprobou por querer “castigar a Valdeorras” utilizando á xente da comarca como “refén”  da súa estratexia contra concellos doutras cores políticas e contra o Goberno do Estado.

Fernández recriminou a “desidia de proporcións nunca vistas” coa que a Xunta do PP afronta as consecuencias do incendio orixinado o 14 de agosto en Seadur Larouco, que queimou preto de 40.000 hectáreas causando “inmensos danos directos” aos que se unen agora os provocados polo arrastre de cinzas, que contaminan as augas para o abastecemento humano, debido as choivas nas zonas arrasadas.

O deputado criticou que, diante desta situación, o Executivo de Rueda “bote balóns fóra”, malia que ten as competencias exclusivas en montes, aproveitamentos forestais, vías pecuarias e pastos, tal como recolle o Estatuto de Autonomía. O que fai, reprobou, é trasladar a súa responsabilidade a Administración do Estado a aos concellos, que non teñen recursos suficientes e se vén abandonados pola Xunta, sen poder solucionar as restricións de auga que a veciñanza vén soportando desde hai xa case un mes.  

No caso concreto da Rúa, onde arderon 2.900 ha que supoñen máis do 80 % da superficie do concello, lamentou que o PP na Xunta manteña o “mesmo patrón” de inacción que xa aplicou ante o lume do vertedoiro que, en plena vaga de incendios, ameazaba a saúde da veciñanza dos concellos limítrofes. “O Goberno do PP, nunha actuación totalmente rexeitable e miserable, tampouco quixo actuar entón”, salientou.

“Non trate aos veciños e veciñas de Valdeorras de parvos”,  pediu Fernández á conselleira, á que urxiu a actuar para resolver o problema da contaminación de augas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG