BNG acusa a Política Social de imporlle aos concellos un “acordo Trumpista” para o financiamento da Axuda no Fogar

Óscar Insua
Óscar Insua
Óscar Insua denuncia “intereses mutuos” de PP e PSOE para “calmar o avespeiro dos alcaldes”  mercándolles  “tres anos de silencio” na Fegamp

O portavoz de Administración Local do BNG no Parlamento, Oscar Insua, acusou á Consellería de Política Social de imporlles aos concellos un “acordo Trumpista” para o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), esencial para a atención ás persoas dependentes e que se encontra “ao límite” por falta de recursos, o que está a poñer en risco a estabilidade financeira de moitas entidades municipais.

“Hai intereses mutuos de PP e PSOE por calmar o avespeiro dos alcaldes”, denunciou en referencia ao acordo “farsa” alcanzado coa Fegamp e que, para o Bloque, resulta totalmente insuficiente porque nin tan sequera chega a cubrir o prezo real do custe dun servizo que, sen corresponderlle, sufragan maioritariamente os concellos.

 “No BNG non imos quedar calados”, advertiu Insua, que criticou que a Consellería aproveite a súa “posición de superioridade” para impor o acordo, que supón pasar  dos 12 euros/hora que reciben actualmente os concellos a só 16 este ano, 17  no próximo exercicio e a 18 euros en 2028.

O custe do servizo sitúase xa hoxe nos 24 euros/hora, segundo o promedio das últimas licitacións, polo que a proposta do Bloque pasa por que a Xunta incremente de maneira inmediata e con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2025 o financiamento, aportando 17 euros a hora e aumentando progresivamente esta cantidade para chegar aos 20 euros a hora o próximo ano.

O portavoz de Administración Local insistiu no rexeitamento dos rexedores nacionalistas porque, segundo subliñou, “aceptar algo cando non se pode tomar ningunha outra decisión é someterse e actuar como vasalo” ante un PP que “acabar mercar no PSOE tres anos de silencio”. “Veremos se os alcaldes tragan con este acordo”, agregou.

O deputado nacionalista fixo estas declaracións durante o debate na Comisión 1ª do Parlamento dunha iniciativa do BNG en defensa dunha nova Lei de Administración Local, que o Goberno do PP leva anos prometendo —anunciouna xa Feijóo no 2013— sen que até o de agora presentase, nin tan sequera, un borrador.

Unha nova lei necesaria, argumentou, para reforzar o autogoberno local e a democracia participativa, delimitar as competencias municipais o establecer un sistema de financiamento local xusto e suficiente que blinde aos concellos fronte a situación como a que se está a vivir na atención á dependencia a través do SAF, un servizo que os concellos teñen que xestionar pero non financiar, malia que se ven forzados a facelo.

“Que paguen os que teñen que pagar: o Estado e a Xunta”, sinalou Insua, lembrando neste punto o que establece a Lei da Dependencia.

O deputado nacionalista lamentou a posición en contra do PP á iniciativa nacionalista, que achacou a que o PP “está cómodo nesta situación”, cunha norma aprobada no 1997 que non se adapta ás profundas transformacións da sociedade e á crecente demanda de servizos públicos próximos e de calidade que se prestan desde o concellos.

Segundo afirmou Insua, o PP demora a nova lei porque “se non hai regulación ten liberdade para facer o que queira, sobre todo no que ten que ver co financiamento dos concellos”.  Como exemplo disto contrapuxo a negativa da Xunta en mans do PP a xestionar o centro de día construído “con cero cartos da Administración galega” polo Concello de Corcubión á colaboración con Concello de Teo, co que si asinou un convenio para mercar a finca e construír un centro de día.

Ademais de presentar de forma inmediata o borrador da nova Lei de Administración Local e iniciar a súa tramitación lexislativa, a iniciativa do BNG —rexeitada polo PP— instaba á Xunta a, namentres, garantir unha financiación suficiente, equitativa e estable aos concellos aumentando o fondo base do Fondo de Cooperación Local, como mínimo, co 50 % dos recursos que desde a Xunta destinan de forma global as entidades municipais nos orzamentos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG