parlamento galego

BNG acusa a Patrimonio de “falta de transparencia” por negar a documentación ao Parlamento e Valedoría do Pobo das obras da Telleira en Nigrán

Carmela González
Carmela González
Carmela González responsabilizou á Dirección Xeral de Patrimonio de non velar polo xacemento etonoarqueoloxico e permitir a destrución do principal  exemplo de arqueoloxía industrial,  en Nigrán e a súa contorna  

A deputada do BNG, Carmela González acusou a dirección Xeral de Patrimonio de “falta de transparencia” por negarse a remitir a documentación solicitada sobre o expediente nas obras da Telleira en Nigrán.

A través dunha pregunta parlamentaria, a nacionalista explicou  que o xacemento da Telleira, no concello de Nigrán, forma parte do catálogo do Plan Básico Autonómico, e polo tanto considerado “un  ben cultural catalogado”. Pero na súa contorna as  obras de construción de dúas vivendas unifamiliares  afectan directamente ao xacemento o que provocou a presentación de denuncias reclamando a súa paralización. As primeiras denuncias do mes de maio  do  2022, hai mais de un ano, non impediron a destrución de dous fornos e o deterioro que presenta  o xacemento.

Para a deputada, a dirección de Patrimonio Cultural incumpre a lei e non “vela pola conservación das estruturas arqueolóxicas” ao que engadiu, que calquera acción debe aplicarse baixo o criterio da “mínima intervención sobre os bens artísticos”. Na súa opinión, o proceder “irregular” de Patrimonio na protección da Telleira de Nigrán pode incorrer, mesmo  en “prevaricación”.

Por outra banda, “os expedientes das obras foron responsabilidade dos técnicos  da propia Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a elaboración dos informes  “externalizada” e a cargo do  persoal técnico dunha empresa privada, concretamente de Tragsatec, “unha práctica  declarada ilegal polo Tribunal Superior de Galicia”.

Patrimonio nega a documentación ao BNG, a cidadanía e a  Valedoría do Pobo 

Arredor da destrución desta Telleira, dixo a nacionalista “xorden moitas dúbidas,  opacidade e falta de transparencia” da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural,  por negarse a remitir a información solicitada sobre os expedientes das obras,  tanto ao BNG como a persoas privadas e  Valedoría do Pobo.

“A falta de respecto” do Goberno Galego ao Parlamento Galego e á Valedoría do Pobo,  é “inxustificable” e representa unha  “anomalía democrática”   que confirma “o talante  autoritario e caciquil do Partido popular”, afirmou.

Tras a intervención da directora Xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua que xustificou as actuacións sobre a Telleira de Nigrán e afirmou que o xacemento estaba protexido, a deputada do BNG amosou varias fotografías actuais para constatar que a afirmación de Martínez Insua non se correspondía coa realidade xa que o xacemento non contaba coa necesaria protección.

Por outra banda, a nacionalista insistiu en que si a Dirección xeral afirma que cumpre a normativa e despois non é certo, “hai unha falta de competencia” na dirección que vostede dirixe. O único que podemos constatar con esta maneira de proceder, recalcou Carmela González, é que “o goberno do PP resulta unha grave ameaza para a conservación do patrimonio cultural, despraza o seu valor e incumpre a lei”.

A Telleira,  é o único xacemento desas características en   Nigrán e   concellos da contorna, “un  exemplo da arquitectura industrial tradicional que merece ser conservada para que non sexa esquecida”.

Finalmente, a deputada do BNG lamentou que, unha vez máis, a dirección Xeral de Patrimonio Cultural persista en negarse a remitir os  expedientes solicitados e criticou que con este proceder “ obstaculizan o traballo de control ao goberno  dos deputados e deputadas”. O  26 de outubro do ano 2022, o BNG solicitou, a través do artigo 9, copia dos expedientes completos das obras que afectan ao xacemento da Telleira e a 21 de xuño de 2023, pero  “continuamos agardando”, denunciou.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG