Parlamento Galego

BNG acusa a dirección da CRTVG de contrarrestar as baixas audiencias da TV pública con máis control e máis manipulación

Iago Suárez
Iago Suárez

Iago Suárez: “É infumable para unha persoa que non sexa do PP ver a TVG”

Alexandra Fernández a Sánchez Izquierdo: “Vostede deixa unha CRTVG que emite unha Galiza distorsionada e desconectada da xente”  

O deputado do BNG, Iago Suárez acusa a dirección da CRTVG de contrarrestar as baixas audiencias da TVG con máis control político e máis manipulación. Responsabilizou a Sánchez Izquierdo de manter unha liña editorial claramente orientada a favorecer ao PP, en detrimento do resto de opcións políticas representadas no Parlamento galego. “Lonxe de representar a diversidade galega, a TVG ofrece unha visión reducionista e excluínte”, recalcou, engadindo que o PP, alí onde goberna, controla politicamente a televisión pública, e que  “o buque insignia” deste control é a CRTVG. “Tiveron moita axilidade lexislativa en reformar a lei de medios, mentres outras teñen que esperar anos. Tiñan présa por aumentar o control da CRTVG”, criticou.

Suárez replicoulle a Alfonso Sánchez Izquierdo  que a súa xestión durante estes 16 anos “non mereceu nin unha soa palabra” da nova candidata do PP, Concepción Pombo, que compareceu por primeira vez este martes na Comisión de Control da CRTVG. “Acabouse a súa vida útil e que veña outra”, manifestou, recordándolle que “cadrar as contas —como destacou Sánchez Izquierdo— non é ningún mérito, é a súa obriga”.

Acusou o director xeral de deixar unha CRTVG cun cadro de persoal envellecido, “que será un problema nos vindeiros anos” e afeoulle que veña “presumir de audiencias” dicindo que “son as mellores da súa historia”,  cando a TVG rematou 2024 cun 8,4%, perdendo un de cada tres espectadores e espectadoras desde 2023. “Mentres baixan as audiencias, reaccionan con máis control e con máis manipulación”, recriminou.

“É infumable para unha persoa que non sexa do PP ver a TVG”, manifestou,  engadindo que e a caída das audiencias “reflicten ese afastamento crecente da sociedade galega co seu medio público”. Como mostra da falta de equidade, enumerou algunhas das entrevistas recentes emitidas polo ente: ao voceiro parlamentario do PP, Alberto Pazos; á secretaria xeral do PP galego, Paula Prado ou ao empresario Venancio Salcines.—promotor da que busca ser a segunda universidade privada de Galiza, Cesuga. “E do BNG? Desde febreiro de 2024 non se entrevista a Ana Pontón”, denunciou.

Ademais, acusou á CRTVG de informar con enfoque negativo sobre todo aquilo vinculado ao Bloque ou aos concellos onde este goberna, chegando a situacións “absolutamente ridículas”, que exemplificou cunha nova do telexornal na que aparece como printer 'Pis, caca, droga, xonquis e arrombacoches na praza de Galiza de Pontevedra'. “Case todas as noticias de lugares onde non goberna o PP están marcadas polo ton negativo, con referencias a inseguridade, roubos e outros problemas sociais”, recriminou, enumerando o número de veces que se fala de roubos, ocupas ou inseguridade nos concellos nos que non goberna o PP. “Para isto van os nosos cartos”, recriminou.

Durante a súa intervención, o deputado fixo referencia á sentenza xudicial firme que condena á CRTVG por emitir unha información falsa contra o BNG. “A manipulación é tan evidente que ata a xustiza nos dá a razón”, afirmou. “Vostedes mentiron descaradamente sobre o BNG e, por moito que digan que foi un erro puntual, o certo é que esa información foi introducida con calzador co único obxectivo de prexudicarnos. Iso non se tería feito nunca se o afectado fose o PP”.

A CRTVG: un réxime de distorsión controlada

Neste sentido, a deputada nacionalista, Alexandra Fernández, na quenda de preguntas da Comisión da CRTVG, quixo saber se o director xeral vai pedir desculpas e se vai rectificar pola manipulación informativa, tal e como recolle a sentenza firme á que fixo referencia Iago Suárez na súa intervención. Unha sentenza que se suma ás moitas denuncias de manipulacións por parte dos e das traballadoras da casa. “A súa excusa cutre de que son catro traballadores con intereses partidistas ou intencións políticas cae polo seu propio peso”. “Agora, a propia sociedade recoñece a falta de pluralismo informativo na CRTVG”.

A deputada fixo esta afirmación despois de que as enquisas recollen como “a xente está vendo dun xeito evidente esta manipulación cutre” e de aí o desapego á canle pública, que ten que ver coa súa falta de calidade e de pluralidade. Neste sentido, a deputada tirou de datos saídos dos estudos reputacionais elaborados por Barlovento Comunicación, encargados pola propia CRTVG, que revelan que o 51,4% da cidadanía galega non considera que a TVG teña unha programación informativa plural.  

“A xente está cada vez máis farta de que a realidade que lles afecta non teña cabida na TVG.  A CRTVG é un “réxime de distorsión controlada”, entre festexos, a axenda política do PP e agora tamén unha nova modalidade, “o retrato dramático dos gobernos que non son do PP, onde todo son inseguridade e okupas”. Critica que, nese réxime de distorsión, mentres no PP todo é festa, logros políticos e entrevistas ‘a tutiplén’, na oposición é “medo e silenciamento”.

Esta liña de manipulación amplifícase cada vez máis nos Faladoiros da Radio galega, que, segundo a deputada, poderían chamarse “os confirmatorios” porque neles “non hai diálogo, nin argumentos, só unha confirmación permanente das teses do PP e a colocación do marco político que ese día máis lle interesa ao Partido Popular”, aclarou.

“Vostede deixa unha CRTVG que emite unha Galiza distorsionada, que cada vez se desconecta máis da xente e xera máis rexeitamento, polo contido e polo impúdico e o explícito da súa manipulación”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG