O deputado mariñán do Bloque Nacionalista Galego, Daniel Castro, denunciou o continuo incumprimento do Partido Popular coa Vía de Alta Capacidade Costa Norte, unha infraestrutura clave para a conexión e o desenvolvemento da Mariña, Ferrolterra e o Ortegal.
Castro recordou que, 25 anos despois do seu anuncio, só se construíron 15 dos 110 quilómetros previstos, cun ritmo “vergoñento” de apenas 650 metros ao ano. “A este paso, A Mariña tardará 165 anos en vela rematada”, afirmou. O parlamentario destacou a sucesión de promesas incumpridas desde o goberno de Fraga (2001), pasando por Agustín Hernández (2011) e Feijóo (2010), que falaron de porcentaxes de execución que nunca se acadaron.
Ademais, Castro cargou contra a actitude do PP no pleno municipal de Viveiro, onde apoiou unha moción presentada polo BNG a favor da variante local e, non obstante, votou en contra da mesma iniciativa no Parlamento. “Asinaron un acordo para facer a variante e logo poñen nos orzamentos que non a van facer. O único que lles importa é a alcaldía, non as necesidades da xente”, denunciou.
O deputado nacionalista insistiu en que a falta desta infraestrutura condena ao norte de Galiza ao atraso, dificulta a implantación industrial e perpetúa unha “Galiza a dúas velocidades”. “Pídolles que ordenen e cumpran xa. Deixen de fomentar a desconexión dun país que ten moito potencial”, reclamou.
A intervención de Castro puxo en evidencia, unha vez máis, a fractura entre os compromisos políticos e a realidade dunha obra esencia para a vertebración territorial, mentres a cidadanía da Mariña segue a agardar.