BNG acusa ao Goberno do PP de vulnerar a lei para favorecer os intereses de Greenalia

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará aludiu ao “vendaval xudicial” contra a política eólica da Xunta e denunciou á Consellería de Medio Ambiente por condonar 11,7M€ a Greenalia, cartos que perde a facenda pública

O BNG denunciou na Cámara as irregularidades legais do Goberno do PPnos parques de Lamas de Feás e Campelo, denunciados perante a Xustiza pola decisión do PP de perdoarlle 12 millóns de euros en impostos a Greenalia, empresa onde senta no consello de administración a ex-conselleira Beatriz Mato.

ADEGA denunciou por prevaricación e malversación  de fondos a Paula Uría, a anterior directora xeral de Planificación Enerxética. Uría asinou a convalidación dos parques do Campelo e Lamas de Feás, malia diferir estes plans da proposta orixinal de Greenalia para o concurso eólico do 2010. Uría deu por executado o plan, o que eximiu á empresa de ter que pagar 11,7 millóns de euros á facenda pública.  Greenalia, ademais, obtivera nos dous casos investimentos derivados de fondos públicos da Xunta. “Isto é unha manifesta ilegalidade, e caerán con todo o equipo cando se pronuncie a Xustiza”, advertiu o portavoz de Medio Ambiente, Luís Bará, que aproveitou para recriminarlle ao PP a súa política de “portas xiratorias” que exemplifica o caso da ex-conselleira do PP, Beatriz Mato.

Neste sentido, Bará denunciou o enfoque “depredador” da Xunta respecto da normativa ambiental, xa que o Goberno do PP reduciu “de 30 a 15 os días para que a cidadanía puidera recorrer estes parques perante a Xustiza”, recriminou. Este “annus horribilis” para a Xunta evidencia “un cuestionamento social, institucional, de Xustiza, do eido consultivo e universitario. Vostedes foron demasiado lonxe”, argumentou.

O deputado do BNG fixo alusión tamén á sentenza do Tribunal Supremo en relación ao parque da Serra do Iribio, “no que o Goberno do PP destruíu un espazo protexido pola Rede Natura, que van facer para reparar o estrago feito?” inqueriu. “No caso dos parques de Corme ou Roncudo tamén lles botaron abaixo o proxecto. Vostedes incluso permitiron instalar un  aeroxenerador ao carón dunha turbeira”, criticou.

Bará denunciou a “barra libre” dunha política eólica “propia do far west” que deixa á poboación alarmada pola liberalización realizada pola Xunta, “que permite colocar un parque eólico ao carón dunha casa”. Recriminou tamén a modificación da Rede Natura que o PP quere executar na Lei de Acompañamento aos Orzamentos deste 2022; un cambio “feito pola porta de atrás dentro da lóxica da súa política depredadora”, sinalou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG