parlamento galego

BNG acada a unanimidade da Cámara para demandar á Xunta un plan de continxencia que protexa a pesca de artes de fondo do veto da UE

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez denunciou o papel dunha Unión Europea “que si lle molesta a pesca de artes de fondo pero non lle importan os 400 muíños que o goberno central quere plantar na costa galega”

O BNG obtivo o voto unánime da Cámara para que a Xunta leve ao cabo un plan de actuación diante da UE e do Estado de acordo co sector do mar para impedir que a futura posta en marcha do Plan de Acción da Unión Europea afecte negativamente á frota pesqueira galega.

Estas medidas emprazadas por Europa foron elaboradas “sen ningún estudo de como afectarán aos territorios altamente dependentes da pesca, como Galiza, como se incrementarán as importacións, como subirá o prezo dun alimento básico e esencial para a poboación”, lembrou a portavoz de Pesca, Rosana Pérez, que quixo deixar constancia do esencial que supón para o País un sector, o da pesca, “vital e que precisa gobernos que o defendan”.

Unha prohibición á pesca de arrastre e de artes de fondo que é rexeitada polo sector do mar, “que non entende unha medida que consideran desproporcionada, sen solidez científica e que aumentará a dependencia da UE das importacións pesqueiras de terceiros países”, remarcou Pérez.

As medidas, que son continuidade da prohibición de 87 zonas nas que xa se aplican restricións e que “acabaron afectando ao palangre de fondo, curiosamente o arte máis selectivo e que ten un impacto máis limitado no fondo mariño”, sinalou; un aspecto no que coincide o persoal investigador do Departamento de Economía Aplicada da USC “que non ve viabilidade de manter esta prohibición e que, segundo datos do propio sector, xa está a minguar as capturas nun 40%”, criticou.

“Hai pouco coñecemos que a Comisión Europea non só pretende protexer un 30% das augas europeas en 2030, senón que pretende que un 20 dese 30% sexa definido polos Estados membros antes de marzo de 2024 e pechado á frota de artes de fondo” o que evidencia “que para a UE a pesca galega é un inimigo a bater”, recriminou a portavoz de Pesca.

Fronte esta situación, Pérez subliñou que, de momento, as medidas de Europa “son unha recomendación”, o que deixa a porta aberta para que os gobernos central e galego “poñan por diante os intereses da frota pesqueira e de todo o sector do mar e defendan o mantemento da actividade”, o que evitaría o despezamento de barcos, ameaza que hoxe sobrevoa por riba do sector.

Para o Bloque, sinalou a parlamentaria nacionalista, xa non caben máis decisións “ao chou e sen os pertinentes informes” polo que demandou esixir á UE que “calquera medida que se adopte se basee en estudos científicos rigorosos e actualizados sobre o estado dos recursos, atendendo ao impacto socioeconómico que podería causar e, moi importante, en diálogo permanente co sector”.

Emprazamento, lembrou Pérez, ao que se lle suma o acordo do pasado 22 de novembro na Cámara galega onde se reclamou ao Goberno do PP esixir ao goberno central “medidas de compensación económicas necesarias para paliar as consecuencias que xa está a ter o peche das 87 áreas de pesca no sector pesqueiro galego de artes de fondo”.

É por isto que a proposta do BNG volveu reiterar a súa demanda á Xunta para que “diante do que se aveciña, sexa áxil”, reiterou a portavoz de Pesca, e que programe e leve a cabo un plan de actuación diante da UE e do Estado, “sempre de acordo co sector, para impedir que a futura posta en marcha do Plan de Acción volva a afectar á nosa frota”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG