Parlamento Galego

O BNG acada o compromiso do SERGAS para manter as condicións do concurso do servizo programado de ambulancias

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado leva á Cámara o temor de profesionais e doentes pola posibilidade de que os traslados puideran ser realizados por taxis ou VTCs

O BNG acadou no Parlamento galego o compromiso do Sergas para manter as condicións actuais no próximo concurso do servizo de Transporte Sanitario Terrestre non Urxente, ante o temor de que este servizo puidese pasar a ser prestado por operadores como taxis ou VTCs (Vehículos de Transporte con Conductor).

A deputada Montserrat Prado trasladou á Cámara a preocupación das e dos profesionais do sector e das persoas usuarias ante a posibilidade de que o servizo de ambulancias denominado programado -porque atende a demanda ordinaria de traslados de doentes con tratamentos programados en centros hospitalarios- puidese ser aberto na convocatoria do próximo concurso prevista para febreiro a outro tipo de operadores.

Prado advertiu que con esta alternativa se estaría dando un novo paso “na liberalización e mercantilización” dun servizo esencial como é a atención sanitaria que, segundo advertiu, implicaría “consecuencias negativas tanto na calidade asistencial como no ámbito laboral”. “Un servizo no que son máis que habituais as irregularidades, na calidade asistencial, nas condicións das e dos traballadores, como consecuencia de licitar concursos á baixa onde a calidade do servizo parece que é o que menos importa”, recalcou.

Neste sentido, lembrou que coa concesión actual todos os desprazamentos son realizados en ambulancias, vehículos adecuados e preparados para este tipo de traslados “e que contan con persoal técnico con formación e unha titulación específica para atender ás e aos doentes”, subliñou.

Ante a pregunta realizada neste sentido pola deputada nacionalista na Comisión de Sanidade, o xerente do Sergas, José Flores, fixo explícito o compromiso do Goberno galego para manter as actuais condicións do servizo na convocatoria do concurso previsto para o mes de febreiro.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG