BNG acada o compromiso da Xunta para incorporar as demandas das comunidades de montes na recuperación do monte queimado no gran incendio do Barbanza

Rosana Pérez
Rosana Pérez
O Goberno galego emitirá a instancias do Bloque un informe completo sobre as actuacións desenvolvidas polo operativo de extinción durante o lume

O BNG acadou no Parlamento o compromiso da Xunta para incorporar as demandas e propostas realizadas polas comunidades de montes nas medidas que vai desenvolver para recuperar o monte queimado no Barbanza no gran incendio do verán. De igual xeito, a Consellería do Medio Rural emitirá un informe completo e detallado con todas as actuacións desenvolvidas polo operativo de extinción de incendios durante o lume.

Así o confirmou o director xeral de Defensa do Monte a pregunta da deputada nacionalista Rosana Fernández na comisión parlamentaria de Agricultura, na que considerou precisas as explicacións da Xunta nun informe “completamente detallado” sobre todas as actuacións desenvolvidas polo operativo, logo da denuncia ante a Fiscalía das comunidades de montes na que, segundo advertiu, “falan mesmo de neglixencias no combate contra o lume neses días na Barbanza”.   

Logo de puntualizarlle ao director xeral que o BNG pide explicacións “aos responsables políticos” e “non tenta responsabilizar ao operativo” en ningún caso como deslizou na súa resposta, Pérez recordou que son as propias comunidades de montes as que sinalan que non se acudiu con rapidez no inicio do incendio, que se fixeron cortalumes de xeito inadecuado e isto favoreceu que a superficie queimada fose aínda maior, que as brigadas chegaban aos lumes con motobombas baleiras de auga ou que non se regaran os puntos de lume que se consideraban apagados. “En definitiva, falan dunha actuación totalmente caótica -advertiu- nun incendio que acabou arrasando máis de 2.200 hectáreas, ameazou varios núcleos de vivendas e puxo mesmo en risco, pola gravidade da afectación do fume, o hospital do Barbanza”.  

Tendo en conta o que indicaron testemuñas directas do lume, a isto sumou “outra eiva”, a de que “nin sequera se respecta o establecido no Pladiga anual que di que os distritos forestais deben poñerse en contacto precisamente cos propietarios e propietarias dos montes, por seren os verdadeiros coñecedores dos terreos e poderen, polo tanto, servir de guía ás cuadrillas de extinción”.     

A deputada do Bloque tamén se referiu ás numerosas declaracións de veciñas e veciños de Oleiros que viron ameazadas as súas casas e ás realizadas polos propietarios do cámping Ría de Arosa que aseguraron en ámbolos dous casos que extinguiron o incendio “cos seus propios medios, non cos da consellería”. Pérez contrapuxo así a realidade retratada pola veciñanza e polas comunidades de montes coa “versión que dou a propia consellería nos medios de comunicación continuamente durante todos eses días”. “O que houbo neses días foi un gran despregue, pero un gran despregue mediático para insistir na idea dun ‘gran dispositivo’ que difire bastante da realidade que retratan as testemuñas directas”, afirmou, para lembrar a continuación que o primeiro lume estivo sen control durante días e que o segundo prendeu de novo con moita virulencia, logo de darse por controlado e sen deixar ninguén de retén de vixilancia, o que supuxo, axudado polo forte vento, a súa extensión pola serra.

Neste contexto, Pérez tamén quixo recordar que, logo dos incendios no Courel e Valdeorras, o propio presidente da Xunta recoñecera publica e textualmente que “o modelo de brigadas forestais non se debe centrar unicamente na extinción das chamas cando se producen, senón tamén en labores de prevención, e que poidan traballar durante máis meses ao ano, non só nas épocas de maior risco”. “É dicir, recoñecía o que o BNG vén dicindo e propoñendo dende hai anos e que sempre foi rexeitado polo PP nesta Cámara”, recalcou a modo de conclusión. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG