Parlamento Galego

O Parlamento aproba a iniciativa do BNG para investigar a vertedura de fuel na ría de Arousa

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez afirma que este non é un caso illado e a contaminación na ría segue a ser unha materia pendente

A proposición non de lei do BNG, aprobada por unanimidade na comisión de Pesca e defendida pola deputada nacionalista, Rosana Pérez insta  á Xunta a contrastar os medios existentes para combater calquera risco de contaminación mariña e investigar a orixe e consecuencias da vertedura de fuel, producida o pasado 13 de outubro, na ría de Arousa.

Na súa intervención, a deputada nacionalista explicou que nas primeiras horas  da tarde do día 13 de outubro foi detectada unha “mancha de fuel de máis dun quilómetro de extensión na ría de Arousa”,  entre a illa de Rúa e o Pombeiro. Mancha que, ao día seguinte, lonxe de estar controlada seguía recibindo hidrocarburo e que pode estar afectando ás proximidades da illa de Sálvora, que forma parte do parque marítimo-terrestre das Illas Atlánticas.

Nos primeiros momentos todo parecía indicar un sentinazo dun barco, mais co paso das horas investígase se pode proceder do emisario de Touro, no concello de Ribeira.

Por unha ou outra razón, dixo,  a realidade é que as augas das rías galegas e, en particular, as da ría da Arousa soportan un nivel de verteduras que mina continuamente os recursos naturais da zona e que teñen un gran impacto no entorno dunha área extremadamente sensíbel dende o punto de vista produtivo e medioambiental. Neste sentido, engadiu que  investigacións da  administración galega sinalaron que a ría de Arousa  foi no ano 2019 a que máis verteduras rexistrou con carga microbiolóxica ou química tóxica.

Neste espazo de grande produción desenvolven o seu traballo preto de 2.000 embarcacións de baixura e marisqueo a frote, milleiros de bateeiros e mariscadoras a pé, aos que hai que sumar a riqueza que de xeito inducido xera a actividade extractiva no mar noutros segmentos da actividade económica. Sentinazo ou vertedura dende terra, hoxe en día existen sistemas técnicos e ferramentas suficientes para recoñecer aos responsábeis e poderlles aplicar a sanción correspondente, recalcou a nacionalista.

Na defensa da proposta do BNG, Rosana Pérez incidiu nos episodios contaminantes do emisario submarino de Touro, mesmo algún con sentenza xudicial contra o concello de Ribeira por afectar a un polígono de bateas no ano 2007. Posteriormente, seguiu explicando a deputada,  a Xunta de Galiza efectuou unha reparación no emisario  que custou  ao erario público máis de 1,6 millóns de euros. Rematadas estas obras foi entregado ao concello no ano 2017. Dende que entrou en funcionamento a EDAR de Ribeira, o emisario evacúa as augas residuais depuradas do polígono de Xarás pero de producirse un fallo na depuradora, “debera aliviar de emerxencia e evitar que as augas residuais sen depurar cheguen ao mar”.

De todos xeitos, este non é un caso illado e con el  faise evidente que a contaminación da ría segue a ser unha materia pendente  de solucionar a pesar dos investimentos multimillonarios que despois non son obxecto de vixilancia e inspección, denunciou a deputada.

Por outra parte, o plan territorial de continxencias por contaminación marítima de Galiza (Plan Camgal), aprobado pola Xunta de Galiza no ano 2006 e actualizado no 2012 e no 2016, demanda dos concellos plans locais dende 2017, coa sinalización de  riscos,  zonas vulnerábeis e  medios contra as  de verteduras contaminantes ou tóxicos para  garantir a saúde da poboación, a conservación do medio natural e a seguridade dos bens e servizos dos concellos. A este respecto, afirmou a parlamentaria do BNG,  “descoñecemos se os distintos concellos da ría de Arousa dispoñen do plan de continxencias”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG