O BNG acadou o acordo unánime do Parlamento para que a Xunta poña en funcionamento con todos os recursos a Base de Unidade Operativa (BUO) de extinción de incendios de Rianxo antes de rematar o ano.
A deputada Rosana Pérez defendeu na comisión parlamentaria de Agricultura unha iniciativa que, recalcou, insta ao Goberno do PP a abrir a BUO “nas condicións que ten que abrir”, logo de recriminarlle que abrise a base “pola porta de atrás” en plena vaga de lumes para tentar tapar a súa incompetencia logo dun retraso de tres anos dende que anunciase a súa posta en funcionamento.
“O 7 de agosto abriron a base a medio rematar e pola porta de atrás porque había un problema no País cos lumes e para dicir, sen máis, que estaban aí”, reprochou á bancada dos populares, á que convidou a visitar e comprobar persoalmente “como está a base” na realidade.
Pérez reprobou a “manobra” dunha Xunta “absolutamente acosada pola súa propia incompetencia” ante os lumes deste verán –“como tantos outros veráns”, advertiu– para atender “a todos os focos”, non dos incendios, senón “a todos os francos de propaganda que te poden coller, digamos, nas verzas”, ironizou, referíndose aos tres anos de “anuncios, titulares, enganos e confusións” cunha infraestrutura tan necesaria na loita contra os lumes na comarca.
“Agradézolles o voto favorable porque o que están votando vostedes é que se abra a BUO, pero que se abra nas condicións que se ten que abrir, antes de rematar este ano e, veremos aínda”, afirmou, dadas as evidentes dúbidas que espertan os compromisos do Executivo de Alfonso Rueda cunha base que leva tres anos de retraso.
Neste sentido, a deputada nacionalista repasou na súa intervención os reiterados incumprimentos da Xunta a respecto dunha base que anunciou en novembro de 2022, logo dos incendios daquel verán, no que a comarca do Barbanza fora unha das máis afectadas.
Pese a este anuncio, as obras non comezaron até maio de 2023 e aínda que a base ía entrar en funcionamento en novembro dese ano -o que xa facía imposíbel a súa operatividade para ese verán, tal e como se comprometera-, o Executivo tampouco foi quen de rematalas en prazo.
Posteriormente, xa a comezos de 2024 e en plena campaña electoral, o Goberno do PP volveu anunciar que a BUO de Rianxo estaría operativa para a tempada de alto risco dese mesmo verán, cunhas obras que, neste caso, rematarían no primeiro trimestre dese ano. Tampouco foi así.
A pregunta do BNG polo novo retraso, a Xunta responde o 9 de outubro que as obras rematarían a finais de 2024 e que a base entraría en funcionamento no primeiro trimestre de 2025, un compromiso que novamente quedou incumprido. E o 29 de xullo deste mesmo ano, xa coa campaña de lumes comezada e en resposta á mesma pregunta por parte da organización nacionalista, o Executivo de Rueda ofrece idéntica versión que a facilitada en outubro do ano anterior.
E non é até este pasado mes de agosto cando o Goberno do PP, en plena vaga de lumes e tras tres anos de retrasos, abre a BUO, “pero pola parte de atrás”, única e exclusivamente para “dicir que a base está aberta”, recalcou a deputada nacionalista.
“Unha mostra máis deste despropósito e dos enganos continuados e persistentes da Xunta do PP”, sintetizou, para concluír a continuación recordando que a iniciativa aprobada hoxe recolle a posta en funcionamento da base “nas condicións que se ten que abrir”, é dicir, con todos os recursos, e que o BNG estará vixiante do cumprimento deste acordo parlamentario.