BNG acada un acordo para demandar do Estado unha ferramenta para fixar os custes vinculantes e obrigatorios de referencia na produción do leite

Xosé Luís Rivas
Xosé Luís Rivas

Xosé Luís Rivas afirmou que  a moción do BNG, aprobada hoxe,  garante a obriga da Xunta a velar  para que nos contratos figure unha actualización dos custes de produción conforme ao IPC

Lamentou que o PP non aceptara o primeiro punto da moción referido ao papel da Xunta para mediar no conflito lácteo sentando aos axentes implicados nun foro de debate

A través dunha moción, sobre a situación económica do sector lácteo, o deputado do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini) culpabilizou ao goberno galego de non intervir no conflito exixindo,  entre outras medidas un compromiso  dos produtores e produtoras  e a industria de transformación e distribución para buscar unha solución nunha mesa de diálogo.

O BNG acadou un acordo para demandar do Estado dotar aos sectores produtivos dunha ferramenta para fixar os custes de produción de referencia de maneira vinculante e obrigatoria.

Na defensa da moción, o deputado explicou que  o Goberno galego non está a impedir que os produtores e produtoras continúen producindo “a perdas” de aí a necesidade de sentar na mesma mesa a todos os axentes implicados, proposta que non foi aceptada polo grupo maioritario do Partido popular.

A iniciativa nacionalista incluía dous puntos máis que foron aprobados pola Cámara galega. O punto número dous referido á obriga da Xunta a “velar, no marco das súas competencias, porque nos novos contratos a asinar entre produtores e industria transformadora, nos prezos acordados se incorporen as subas con referencia ao IPC galego dos alimentos para o gando, combustibles, electricidade, abonos de síntese..., e demais factores que inciden nos custes de produción; e que se faga con esta referencia unha actualización de prezo para o cumprimento do establecido na letra c) do apartado 1 do artigo 9 da Lei da cadea alimentaria”. E demandar do Estado que, no desenvolvemento da Lei da cadea alimentaria, se dote aos sectores produtivos dunha ferramenta pública, obxectiva que fixe uns custes de produción de referencia vinculantes e obrigatorios; ou que no seu caso, se permita utilizar para a súa determinación fontes do Ministerio de Agricultura (o ECRAE, Estudio de Costes y Rentas de las Explotaciones ou o RENGRATI, Red Nacional de Granjas Típicas), a chamada “Conta Láctea”, os estudos publicados polos diferentes observatorios da Comunidade Autónoma ou os realizados pola universidade ou organismos públicos.   

Na súa intervención, Rivas lembrou que coa chegada de Feixóo á Xunta tamén chegaron “os oligopolios” e os prezos do leite comezaron a caer, atrás, enfatizou, quedaba un goberno bipartito no ano 2009, cos seus contratos homologados, as Agrupacións de Xestión de Explotacións, o Observatorio Lácteo e a  Mesa do Leite e para disimular, explicou,  elaboraron unha Lei da Cadea Alimentaria, “unha nova burla” do PP con M. Rajoy ao fronte, ese “eme punto” que vostedes e nós sabemos quen é. Unha lei que foi oito veces modificada mentres os dous principais partidos “agachaban as orellas” e non quixeron ver a problemática e desesperación dos  produtores e produtoras.           

O problema de fondo, reiterou o nacionalista, é que  “os labregos e gandeiras están na máis absoluta indefensión diante deses oligopolios que son a Industria de Transformación, a  Comercialización e a Distribución”, remarcou.  

“Vostedes,  non teñen valía política para dotar  esa lei da ferramenta necesaria para que non se cometa a inxustiza que todo o sector denuncia. Non foron quen de presentar unha emenda aos artigos 9 e 12  para proporcionar  o que  os produtores están demandando”. Uns e  outros, son “cómplices” deste desaguisado e responsables da situación.

 

“Permitiron  e permiten que o leite sexa un produto reclamo nos hiper, super, áreas comerciais e mercados en xeral e que se venda a perda”, polo que volveu a reclamar “prezos razoables” e non seguir producindo o leite a prezos de custe  a perda.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG