Austeridade do PP: 50.000 euros ás touradas

O Grupo Municipal do BNG da Coruña pon de manifesto que o Goberno local financiará as corridas de touros pola porta de atrás para ocultar os cartos reais que dilapidará nesta tortura. É por iso que lle pide ao PP que non minta e que diga a verdade: malgastará diñeiro de toda a cidadanía nas corridas de touros. Os nacionalistas, que rexeitan calquera tipo de axuda pública, quer directa, quer indirecta, á organización das touradas, critican que o PP se escude nunha feira ecuestre para subsidiar indirectamente as corridas de touros.

Un canon virtualmente gratuíto para a concesionaria

Segundo os pregos técnicos do contrato, o Concello da Coruña terá que pagar a instalación e a ornamentación da praza e mais o acondicionamento das distintas zonas, así como o recheo de area. Tamén correrá por conta da cidadanía parte da limpeza do Coliseum, a desratización a semana anterior ás touradas e os areeiros e carpinteiros necesarios para a montaxe da praza.

Ademais, o Concello cederá de xeito gratuíto o Coliseum, polo que a empresa gañadora do concurso aforraría as taxas. Os nacionalistas consideran irrisorio o canon de 2.500 euros que terá que pagar a empresa beneficiaria, en comparación cos cartos que terá que poñer o Concello, que, segundo o colectivo Galiza, Mellor Sen Touradas, superaría os 50.000 euros.

O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Goberno local subsidie as touradas sen transparencia, a través dun contrato público, sabendo que se trata dunha actividade que xerou perdas de máis de medio millón de euros en tres anos e que non representa nin de lonxe o sentir maioritario da cidade.

O Concello non debería colaborar na promoción e impulso dunha tortura

O BNG levou ao Pleno unha moción de Galiza sen Touradas avalada por 21.000 asinaturas

Os nacionalistas insisten en pedir a fin de calquera achega municipal ás touradas e a non colaboración do Concello da Coruña na promoción e impulso das touradas. O Grupo Municipal do BNG cualifica de verdadeira agresión á moral e ao senso máis básico de respecto e de protección dos animais que esta actividade continúe a ser subsidiada por un consistorio democrático como o da Coruña. As touradas, baseadas na mutilación dun ser vivo, teñen que deixar de formar parte da nosa cidade, consideran os nacionalistas.

Precisamente, o BNG levou ao Pleno deste mes unha moción a instancias do colectivo Galiza, Mellor sen Touradas, contra o financiamento público das touradas na Coruña e contra o uso de espazos municipais para estas actividades. Malia estar avalada por máis de 21.000 sinaturas recollidas polo colectivo animalista en defensa da abolición do financiamento municipal das touradas, o PP rexeitou o seu debate en Pleno, amosando, así, a súa disposición a malgastar cartos de todos os coruñeses e coruñesas nas corridas de touros.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG