parlamento galego

Aprobada unha iniciativa do BNG para impulsar a participación galega no Perte mar-industria e a xestión dos fondos europeos

Brais Ruanova
Brais Ruanova
Brais Ruanova defendeu ademais a creación dunha mesa sectorial para tecer sinerxías entre a administración e o sector, e o PP votou en contra

O BNG conseguiu o apoio unánime do Parlamento a unha iniciativa para impulsar a participación do sector galego no proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (Perte) Mar-Industria e que, máis unha vez, Galiza “non perda o tren” da oportunidade aberta para as empresas ligadas á transformación dos produtos da pesca e da acuicultura, tal e como expuxo o deputado Brais Ruanova.

O acordo aprobado insta á Xunta a “desenvolver as súas competencias en materia industrial e velar por garantir o acceso aos fondos das axudas e instar ao Goberno do Estado a que garanta a empresas galegas os fondos deste Perte para o fortalecemento  industrial na transformación de produtos da pesca e acuicultura ás empresas do sector mar-industria galego”. Pide, ademais, que no caso de ser precisas colaboracións externas doutras entidades para o desenvolvemento dos proxectos,  estas estean afincadas en Galiza.

O acordo aprobado inclúe outro punto no que se reclama a descentralización dos fondos Next Generation para a súa xestión dende Galiza porque, tal e como explicou o deputado do BNG, “hai unha desconexión entre o deseño dos Perte e as necesidades do tecido industrial galego”. “Precisamos dunha vez por todas capacidade plena para aproveitar de xeito eficiente os fondos europeos, que nun segundo nivel non deixan de ser tamén galegos”, asegurou.

O BNG pedía ademais a creación dunha mesa sectorial para o sector que acreditase que a administración e os actores implicados na cadea Mar-Industria tecesen sinerxías e cooperación para o desenvolvemento industrial do sector, punto que foi rexeitado cos votos en contra do PP.

Na defensa da iniciativa, unha proposición non de lei, Brais Ruanova avogou por  “tomar partido de xeito activo” para aproveitar o Perte Mar-Industria, anunciado cunha dotación inicial de 40 millóns de euros. Trátase, dixo, dunha oportunidade para que o sector poida avanzar nas tres liñas que o BNG considera clave, a comezar pola súa dixitalización para ser máis competitivo, a redución dos custos de produción -sempre que no sexa a costa dos laborais- e a creación de emprego de calidade e longa duración.

Lamentou, neste sentido, a “pasividade” do Goberno do PP, que “simplemente apostou por poñer parches” ante os problemas da industria vinculada á transformación dos produtos do mar, como os custes da enerxía ou a baixa tecnoloxización dunha parte do sector que, subliñou, é clave para comarcas como O Barbanza ou O Salnés. “Botamos en falta, cando menos, unha intencionalidade real de apostar polo sector”, apuntou.

O deputado nacionalista subliñou a importancia do sector industrial para a economía galega, que representa o 5% do PIB  e que “ten ás costas milleiros de empregos”, que historicamente foi fonde de ingresos principal para comarcas coma a do Barbanza, onde chega a representar o 70% da ocupación.

En canto á implantación empresarial, este sector de transformación de produtos pesqueiros e acuícolas, no que o 61% son mulleres, concentra en Galiza máis do 50% das empresas de todo o Estado, e, ademais,  oito das dez grandes compañías sitúanse aquí.

En termos económicos, Galiza proporciona máis da metade da facturación total do sector no Estado, representando o 10% da facturación a nivel europeo.

Con estas cifras, Ruanova indicou que “o sector debería ser orgullo da economía dun país” pero lamenta que outros datos “nos fagan preocuparnos sobre o camiño que está levando e sobre cal vai ser o seu futuro no medio e longo prazo”. En concreto, a “caída reiterada” do Índice de Produción Industrial (IPI), está mostrando como se “cronifica o estancamento da industria galega”, advertiu. Segundo o último informe do Consejo Económico y Social (CES), apréciase unha baixada de 2.2 puntos dentro do sector agroalimentario.                                                                                 

A isto hai que sumarlle os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), que reflicten unha caída no emprego equivalente a tempo completo por debaixo dos 12.000 postos de traballo que, sumado ao aumento de afiliacións á Seguridade Social, “proporciónannos unha radiografía de como se está a temporalizar o sector”, advertiu.

É por iso que, “fronte a discursos triunfalistas e parches, desde o BNG entendemos que hai que tomar en serio a revitalización dun sector cun potencial enorme para a nosa economía”, rematou.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG