parlamento galego

Apoio unánime a unha iniciativa do BNG para condicionar a axuda pública á recolocación do persoal de Alu Ibérica

Mercedes Queixes
Mercedes Queixes

O acordo inclúe a promoción dun foro estable entre gobernos, os novos propietarios dos terreos da antiga Alcoa e representantes do cadro de persoal

Nin A Coruña nin Galiza enteira poden perder máis impulso industrial tras deixar o PP como legado a destrución de 40.000 empregos, advirte Mercedes Queixas

A deputada do BNG Mercedes Queixas defendeu na Comisión 6ª unha proposta de resolución para demandar á Xunta accións en defensa das traballadoras e dos traballadores de Alu Ibérica, “vítimas por duplicado”, dixo, “do mal chamado empresariado que só aspira a ser axente espoliador, intereseiro e deshumanizado e dunhas administracións tan submisas como desprotectoras”.

A través da súa iniciativa, que foi aprobada por unanimidade, o BNG reclamou en concreto da Xunta que se promova un foro estable “de entendemento e traslado de información” entre os gobernos, a nova propiedade dos terreos da antiga Alcoa Coruña e os representantes do persoal co obxectivo de garantir a recolocación dos traballadores e traballadoras de Alu Ibérica (antiga Alcoa e antes Inespal). Queixas reclamou, tal e como se recolle na proposta aprobada, que se condicionen as axudas ou facilidades que os gobernos habiliten a favor do novo proxecto industrial (Resonac) a que se produza “efectivamente” a recolocación do persoal traballador.

Na defensa da súa proposta, a deputada da Coruña subliñou a “loita e o sufrimento” vivido durante os últimos anos polos traballadores de Alu Ibérica, “traspasados de man en man coa incerteza como compañeira de viaxe”. “Mans que non os sostiveron máis aló dun botín económico como único obxectivo de empresas voraces de beneficios privados”, engadiu.

Criticou, neste sentido, o papel adoptado pola Xunta, incapaz pola vía dos feitos de tomar a iniciativa para fortalecer o músculo dunha empresa das dimensións de Alu Ibérica mentres concedía subvencións millonarias “a quen se demostrou que eran delincuentes” e viraba as costas aos traballadores, “enganados reiteradamente por uns e por outros”. Ante a inacción da Xunta, foron eles, lembrou, os que tomaron a iniciativa para que interviñese a Audiencia Nacional.

“Triste papel o do PP nesta historia de desprezo pola clase obreira galega, incapaz de colocarse no seu lugar, que debera servir para aprender e non repetir”, sostivo Queixas.

Mais, para a deputada nacionalista, cos novos proxectos industriais postos en marcha -un de Resonac e outro de Resonac e Ignis vinculados á mobilidade sostíbel- ábrese unha “ventá de oportunidade” para a cidade e a comarca da Coruña que, como Galiza anteira, non poden seguir perdendo impulso industrial, remarcou.    

Mercedes Queixas destacou que a Xunta xa ten posto a “alfombra vermella” a estes proxectos ao comprometerse Alfonso Rueda a eliminar obstaćulos administrativos, polo que agora é o momento de pensar, considerou, nos traballadores a súa formación, adaptando esta aos perfís profesionais necesarios para sacar adiante os novos proxectos.

“Temos os traballadores, temos financiamento europeo, temos plans de formación que se poden adaptar a estes novos perfís”, salientou a deputada do BNG, que aproveitou a súa intervención na Comisión de Industria para advertir da perda de impulso industrial de Galiza nos últimos anos. “O legado que deixa o PP retratouno o CES no último informe de 2022: 40.000 empregos industriais destruídos”, afirmou.

Convidou así aos populares a “facer exame de conciencia e propósito de emenda” porque, insistiu, “queremos confiar en termos aprendido da experiencia para que non se repita unha histórica interminábel de capital desindustrializador como esta”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG