A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón destacou o potencial dos sector agrogandeiro do País na súa visita este venres á 47 edición da Feira Internacional Semana Verde de en Silleda, onde subliñou a importancia deste evento como o “gran escaparate” da economía xerada no rural.
A líder do BNG asegurou que, malia que a feira foi evolucionando cara a un encontro multisectorial, o sector agrario segue a ser “o gran protagonista”. Un sector, destacou, “cun enorme potencial, capaz de innovar, de poñer en marcha proxectos de calidade, de xerar riqueza e emprego, de producir alimentos de calidade e de manter un rural vivo e con futuro”.
“No BNG temos moi claro que o sector agrogandeiro é estratéxico para Galiza”, manifestou Pontón, subliñando en primeiro termo a súa importancia para manter un medio rural “vivo, dinámico e produtivo”. Tras recordar que o 90 % do noso territorio é rural, engadiu que “todos os países avanzados teñen un medio rural forte”.
En segundo lugar, proseguiu, o sector é estratéxico porque xera riqueza e emprego e preserva o territorio. “Un sector agrogandeiro forte mantén o territorio cultivado, limpo e produtivo. E supón tamén unha aposta polo coidado do medio ambiente”, especificou.
A terceira gran aportación deste sector é a capacidade para producir alimentos de calidade e contribuír á soberanía alimentaria, unha cuestión que a líder do BNG considerou de enorme importancia, xa que “contribúe ao benestar da poboación”, dixo.
“Rescatar o medio rural”
É por iso que, na súa visita á Semana Verde, Pontón propuxo rescatar o medio rural, tras 16 anos dun Goberno do PP que non foi quen de ofrecerlle ao sector un proxecto de futuro. “É inexplicable a falta de apoio por parte do Goberno do PP”, denunciou para, a continuación, debullar a alternativa do Bloque. Trátase, explicou, de impulsar unha estratexia para o rural que inclúe, entre outras medidas, “destinar os 250 millóns de euros que o goberno do PP quere darlle á macrocelulosa de Altri a potenciar os nosos sectores produtivos, entre eles, o agrogandeiro, esencial para manter un rural vivo”, recalcou.
O BNG aposta tamén pola mobilización de 100.000 hectáreas de terra agraria abandonada no prazo de dez anos, así como pola transformación dos nosos produtos potenciando a agroindustria, o que permite xerar valor engadido e incrementar as rendas dos produtores e produtoras do nosos País, sen esquecer a mellora da comercialización dos produtos agrogandeiros. Así mesmo, o Bloque propón dotar o medio rural de “infraestruturas do século XXI”, tanto no ámbito da mobilidade como no das novas tecnoloxías.