Ana Pontón ve nos concellos do BNG o motor de cambio para outra Galiza posible: “Imos a por todas nas eleccións municipais”

Ana Pontón
Ana Pontón

O BNG celebra o 90 aniversario da Asemblea de concellos pro Estatuto, que xunto co Partido Galeguista. foi decisiva no autogoberno de Galiza

Critica unha Constitución que actúa como corsé “que nos limita como pobo e que pon trabas ao noso desenvolvemento facendo que Galiza perda peso económico, demográfico e cohesión territorial”

Denuncia o centralismo das forzas estatais e a un Goberno do PP con cero transferencias en trece anos, instalado nun “autogoberno cativo”

Insta a mobilizarse o 18D contra unha crise de prezos que é “unha estafa”

Un ano máis, o BNG aproveita o 6 de decembro para celebrar fitos históricos que contribuíron a avanzar na conciencia nacional de Galiza, nesta ocasión coa conmemoración do noventa aniversario da constitución da Asamblea de concellos pro Estatuto de autonomía, apenas un ano despois da fundación do propio Partido Galeguista.

“Cada nación ten a súa historia, os seus símbolos, as súas conmemoracións e hoxe o BNG celebra os ideais e recoñece ás persoas que puxeron a andar a roda do orgullo colectivo, do amor a Galiza, da súa prosperidade e liberdade. Conmemoramos a fundación do Partido Galeguista e a histórica asemblea dos concellos que supuxo un punto de inflexión para avanzar cara á conquista do autogoberno”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, no acto en Santiago, acompañada dunha representación dos e das alcaldesas nacionalistas.

Na construción nacional foi “decisivo” o papel xogado polos concellos, que de xeito maioritario, -256 de 319-,  apoiaron a proposta estatutaria, “convetindo o poder local nun motor para facer avanzar Galiza en democracia, dereitos e benestar”, explicou.

Alcaldes e alcaldesas
Alcaldes e alcaldesas

“Grazas a ese impulso institucional e á xenerosidade do PG, Galiza aprobou o seu primeiro Estatuto, un feito  transcendente, fonte de lexitimidade e de dereitos futuros. É grazas a logros así que estamos aquí celebrando a Galiza viva, o nacionalismo emancipador e o galeguismo universal que xurdiu fai nove décadas”, proclamou.

Igual que fai noventa anos os concellos agrupados nesa asemblea foron decisivos, hoxe son os concellos liderados polo BNG “o gran motor de cambio” en Galiza, alegou.

“Os concellos do BNG son un gran motor de cambio,  demostran que outra Galiza é posíbel e que xa está emerxendo, concello a concello. Por iso, imos a por todas nas próxima eleccións municipais, coa máxima ilusión e ambición, co aval do noso traballo nos concellos, onde demostramos a capacidade de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas. Por iso, estou seguro, imos obter os mellores resultados da  historia do nacionalismo galego, con máis representación e máis alcadías ca nunca, máis BNG nos concellos”, declarou a portavoz nacional.

Nun día no que o Bloque celebra “conquistas do pasado”, Pontón quixo deixar clara cal era a “gran tarefa” do nacionalismo no presente: “Construir unha nova Galiza, dona de si, orgullosa da súa identidade, igualitaria, feminista, sustentable no económico, no social, no ambiental; unha Galiza da ciencia e da innovación, moderna e próspera. Unha terra de oportunidades, de traballo, con dereitos, de xustiza social, de benestar social”, sintetizou.

Tempo para unha nación imparable

Para iso, recalcou, “é tempo de dar un paso adiante como País, de novas ideas e  liderados e vaise abrindo paso unha nación imparábel, orgullosa, forte, viva e con futuro, unha nación sen ataduras e sen límites”, proclamou. Precisamente de cara a ese reto, Pontón puxo aos concellos como exemplo de que o BNG está “preparado” para ser a alternativa ao PP, como demostra a través das políticas que desenvolve nas vilas e cidades, “con valentía, audacia e con confianza no que somos”.

No acto para conmemorar a creación da Asemblea de concellos galegos pro Estatuto, destacou que cada nación “ten as súas ambicións e metas”, e que no actual contexto de crise, o BNG ten como prioridade “crear as mellores condicións para un futuro mellor, con humildade, coraxe e con ambición colectiva”. Pese ás dificultades do momento e ás limitacións “dun marco que temos a obriga de cambiar”, indicou, o BNG está preparado para “abrir un tempo novo e liderar o futuro de Galiza”.

O 90 aniversario da Asamblea de concellos pro Estatuto e a creación do PG fai 91, protagonizaron a celebración nacionalista este 6D, fronte a unha Constitución “que nos nega como pobo, limita as nosas capacidades e pon trabas ao noso desenvolvemento e benestar”, subliñou. Pontón denunciou que co actual marco institucional, Galiza “foi perdendo posicións, peso económico, cohesión territorial e vitalidade demográfica”.

Centralismo das forzas estatais

A un marco que actúa como corsé engádese o centralismo das forzas estatais, en particular un PP instalado nun “autogoberno cativo” que nin desenvolve o actual Estatuto, explicou, sumado ao “nefasto balance” de trece anos de Goberno do Partido Popular co record de cero transferencias, proba da “irrelevancia” á que as forzas estatais arrastran a Galiza.

As consecuencias dese centralismo caen sobre a maioría social. “No BNG non podemos aturar o roubo de dereitos e de rendas, ímolo combater nas institucións e nas rúa, e por iso convidamos a participar na manifestación do 18 de decembro en Compostela para reclamar unha saída xusta e galega a esta crise e para defender os servizos públicos”, explicou a líder nacionalista.

A sanidade, en particular a atención primaria; os coidados, en particular o das persoas maiores; o acceso a bens básicos como a enerxía nun País que produce electricidade a esgalla, sen que as familias e as empresas galegas teñan ningún beneficio. Son algunhas das cuestións polas que o BNG chama a mobilizarse.

“Temos que dicilo alto e claro: isto non é unha crise, é unha estafa, que paga a maioría social mentres unha minoría privilexiada acumula beneficios obscenos, como a banca e as eléctricas”, concluíu, instando a saír a rúa este 18D.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG