Ana Pontón ve antidemocrático que apelidarse Borbón supoña un privilexio

Ana Pontón
Ana Pontón
“Calquera que tivese os problemas con Facenda do emérito non tería á policía protexéndoo, senón o contrario”, afirma

Indicou que “non é democrático que por apelidarte Borbón teñas privilexios que non ten o resto da cidadanía”

Reclama que as vivendas da SAREB que están en Galiza sexan  xestionadas pola Xunta, como aprobou o Parlamento a proposta do BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixou a súa posición sobre dous temas de actualidade: a chegada do rei emérito a Galiza e a situación actual da vivenda no noso País.

Con respecto ao primeiro, Pontón indicou que “calquera cidadán que tivese un problemas con Facenda non tería á policía protexéndoo, senón ao contrario”, recalcando que “non é democrático que por apelidarte Borbón teñas privilexios que non ten o resto da cidadanía, ademais dunha fortuna sobre a que non temos ningunha declaración”.

A portavoz nacional sinalou que “esta situación pon en entredito o propio funcionamento do sistema democrático, onde vemos que non todas as persoas somos iguais ante a lei”. O BNG considera que, leve o apelido que leve calquera cidadán ou cidadá, todo o mundo ten que ter as mesmas obrigas e non se poden permitir os privilexios que se poden constatar nestes días.

Pontón celebrou que “cada visita do emérito sobre a conciencia republicana, e isto é moi positivo porque, nunha sociedade verdadeiramente democrática, deberíamos de poder escoller libremente ao xefe de Estado sen ningún tipo de designacion real,” algo que tachou de ser “un anacronismo en pleno século XXI”.

O BNG reclama que o PP exerza as súas competencias en vivenda

Logo das novas en materia de vivenda dos últimos días, o BNG propón que se transfira ao Goberno da Xunta a xestión directa das vivendas que a SAREB ten en Galiza.

Pontón lembrou que “despois de anos reclamándoo, no pasado mes de setembro, o BNG logrou un acordo unánime do Parlamento galego para reclamar que Goberno do Estado transfira a Galiza as vivendas da SAREB e poidan ser xestionadas directamente polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, que é a quen lle corresponde”. A  portavoz nacional indicou que “isto paliaría a total ausencia de xestión de vivenda pública do PP”.

Nos pasados anos 2015, 2016 e 2017 o Goberno do PP non construíu ningunha vivenda pública en aluguer en Galiza e, no 2018, só construíu unha vivenda de protección para aluguer. “A partir desa data non temos información porque a Xunta non nos facilita datos, instaurándose nunha total opacidade”, denunciou Pontón.

“Para o BNG impulsar a vivenda pública é fundamental se queremos construír unha sociedade xusta e con oportunidades”, declarou portavoz nacional, anunciando tamén que “o Bloque volverá reclamar no Parlamento galego que se solicite a transferencia das vivendas do SAREB en Galiza para poñelas ao servizo da cidadanía”. Neste aspecto, recalcou que “o impacto disto podería ser moi positivo nunha situación na que un gran conxunto da sociedade non pode nin mercar nin facer a previsións a medio prazo, o que impide que moitas persoas poidan ter acceso a unha residencia”.

Pontón puxo de exemplo as políticas europeas nesta materia, facendo alusión “á responsabilidade das administracións públicas” para paliar diferenzas sociais e permitir que, quen o desexe, poida emanciparse.

“Seguiremos reclamando esta transferencia no Parlamento e continuaremos a esixirlle ao PP que deixe de ter unha política neste ámbito porque ten competencias que ten que exercer”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG