Ana Pontón urxe á Xunta a modernizar a estación de buses de Sarria incluíndo a mellora de conexións e a rematar o desdobre de Nadela

Visita Galimplant
Visita Galimplant
Pide ao Goberno do PP que asuma a xestión da residencia de maiores, á que non aporta “nin un euro”, dado que ten as competencias en servizos sociais

A portavoz nacional, Ana Pontón, urxiu ao Goberno do PP a rematar e mellorar infraestruturas que son clave para o desenvolvemento económico e social de Sarria, como a do desdobre do corredor Sarria-Nadela, que xa debería estar rematado hai anos, ou a modernización da estación de autobuses, incluíndo tamén máis frecuencias e servizos.

Así o afirmou logo da visita que realizou na localidade ás instalacións de Galimplant, empresa referente no ámbito da implantoloxía oral, e na que estivo acompañada do portavoz municipal, Efrén Castro; o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda; a alcaldesa de Samos, María Xesús López, e as deputadas Olalla Rodil e Montserrat Valcárcel. 

Visita Galimplant
Visita Galimplant

En declaracións aos medios, Pontón referiuse á urxencia de que a Xunta remate dunha vez por todas o corredor Sarria-Nadela, unha actuación que o anterior presidente do Executivo, Alberto Núñez Feijóo, comprometera para 2020, pero que continúa sen rematar cinco anos despois.

“O que non podemos é ver como tardan tanto obras que son importantes para mellorar as infraestruturas e a conexión dun concello e dunha comarca como Sarria que ten un enorme potencial”, advertiu logo de criticar os anos demorados en acometer tan só 13 quilómetros e subliñar que aínda quedan outros tantos pendentes de execución.

A líder nacionalista tamén reclamou ao Goberno de Alfonso Rueda a modernización da estación de autobuses de Sarria, da que dixo, “está exactamente igual que cando se construíu”. “Lembro cando tiña que acudir a esa estación para coller o bus para ir a Santiago e creo que, a día de hoxe, está exactamente igual, aínda que pasaron 30 anos”, rememorou, para avanzar a continuación que o BNG vai demandar unha renovación das instalacións e a mellora das conexións por autobús, que cualificou de “insuficientes e con horarios que non están adecuados”.

Neste sentido, remarcou que, na actualidade, hai xente moza que estuda en Lugo e cuxas familias teñen que ir a recoller porque carecen dunhas conexións que lles permitan moverse sen esa dependencia dos seus pais e nais. “E, en moitos casos, sabemos que hai xente que non pode facelo, polo que o que ten que facer a Xunta é garantir unhas conexións de calidade”, subliñou.

Pontón tamén se referiu á residencia de maiores, que nestes momentos depende do Concello de Sarria que, recordou, “está executando unha competencia que non é propia do concello”, senón que corresponde á Administración autonómica. “Non é de recibo que o Goberno actual da Xunta non invista nin un só euro nesa residencia e que nin tan sequera teña prazas concertadas con esta residencia pública, a pesar de que si concerta prazas en residencias privadas.

Neste contexto, anunciou que o Bloque vai solicitar á Xunta que asuma as competencias que lle son propias e, polo tanto, asuma a xestión da residencia “porque é evidente que supón un custe moi importante que non debe de asumir un concello que non te competencias en materia de servizos sociais”, alegou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG