Ana Pontón urxe a Goberno estatal e Xunta a reclamar formalmente a moratoria que evite a destrución do sector pesqueiro galego

Manifestación Ribeira
Manifestación Ribeira

Lembra que a presidenta da CE é do PP e exixe a Rueda que deixe a manipulación e a mentira e se poña a traballar para defender a frota galega

A portavoz nacional, Ana Pontón, urxiu a Xunta e Goberno estatal a facer toda a presión á hora de solicitar a moratoria na aplicación do veto europeo á pesca de fondo, unha decisión que considerou “absolutamente arbitraria” e que representa un novo ataque á pesca galega que, segundo afirmou, “non podemos permitir porque é un sector económico fundamental para Galiza”.

“Os gobernos teñen que actuar e de nada vale vir hoxe aquí a esta concentración se a proposta de moratoria non se pon sobre a mesa de maneira formal para evitar a destrución do noso sector pesqueiro”, recalcou durante a concentración celebrada en Ribeira en defensa da frota galega ante a decisión de Bruxelas, na que participou unha ampla delegación do BNG na que se atopaban a eurodeputada, Ana Miranda, o deputado no Congreso, Néstor Rego, e a portavoz de Pesca no Parlamento galego, Rosana Pérez.    

A 24 horas de que se aplique a prohibición, Pontón advertiu que o luns “vai ser un día moi complicado no mar porque moitas persoas van saír co corazón nun nó e sen saber se a súa actividade vai ser rendible” ante o que cualificou como un “auténtico mazazo” ao sector galego “que hai que frear”.

Manifestación Ribeira
Manifestación Ribeira

Neste sentido, a líder nacionalista advertiu que o recurso anunciado polo Goberno estatal “pode tardar anos e en anos pode destruírse a capacidade pesqueira deste País”. “Cando nos dean a razón xa non haberá barcos que vaian a pescar”, incidiu, logo de subliñar que a decisión europea non ten “ningún tipo de xustificación nin dende o punto de vista científico, nin dende o punto de vista económico” e que, ademais, supón “quitar do mercado peixe fresco en plena crise de prezos”.

Pontón tamén lanzou unha mensaxe ao PP e a Alfonso Rueda, a quen pediu “que deixe de mentir con manipulacións” porque, segundo subliñou, o BNG está en Europa para defender a pesca galega “como fixemos sempre e como imos seguir facendo no futuro cunha voz clara e rotunda”. Neste sentido, recordou que “se hoxe estamos aquí” é porque “hai unha Comisión Europea na que ten maioría a dereita, cunha presidenta do PP europeo que impón esa sanción”.

“Menos manipulacións, menos ataques ao BNG e máis poñerse a traballar para defender a pesca galega”, incidiu, para engadir a continuación que “se fixeran ben o seu traballo, hoxe non estariamos aquí”. “Con ataques e con mentiras non se vai a tapar a incompetencia do PP”, advertiu, logo de concluír defendendo unha vez máis “unha mensaxe unánime de ‘Basta’” ante unha Unión Europea “que está significando a ruína da pesca galega”.    

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG