Ana Pontón subliña a experiencia da nova alcaldesa para seguir co proxecto transformador iniciado con Juventino Trigo en Fene

Relevo na alcaldía de Fene
Relevo na alcaldía de Fene

Destaca do rexedor saínte a súa capacidade para darlle ao concello a estabilidade política e o dinamismo económico e social que precisaba

“É un dos bos e xenerosos”, recalca a líder do BNG

A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu ao relevo na Alcaldía de Fene onde até o agora rexedor, Juventino Trigo, pasou o bastón de mando á primeira tenente de alcalde, Sandra Permuy, nun acto cargado de emotividade e no que Pontón subliñou a experiencia da nova alcaldesa para seguir co proxecto transformador iniciado por Trigo, ao que agradeceu o seu sobresaínte labor.

A líder nacionalista amosou o seu convencemento de que Permuy será unha “excelente alcaldesa” porque ten “experiencia, un profundo coñecemento do concello do concello, das súas necesidades e do seu potencial” e, ademais, conta cunha equipa que xa “ten demostrado que sabe facer avanzar Fene” e que sabe como dinamizar un municipio cun “proxecto transformador e de futuro” a favor dos seus veciños e veciñas.     

Pontón mostrouse convencida de que Permuy seguirá o exemplo do seu antecesor no cargo, do que tamén salientou a súa maneira de entender a política como unha ferramenta que serve para mellorar a vida da xente.

“O exemplo político dun dos bos e xenerosos”, recalcou para destacar a continuación a grandeza de Trigo á hora de saber pechar unha etapa política, coa cabeza alta e co traballo ben feito despois de darlle a Fene a “estabilidade política” e de enderezar o rumbo do concello cun proxecto de goberno pensado para a maioría e sempre en defensa do ben común.

Neste sentido, puxo en valor o exercicio político de Trigo á fronte da Alcaldía durante máis de oito anos sempre co único obxectivo de servir e Fene. “Porque así é como entende a política Juventino e así é como entendemos a política no BNG”, indicou a portavoz nacional, quen afirmou que o xa exrexedor pecha a súa etapa como alcalde cun sobresaínte.

Aportou estabilidade política, unha cuestión imprescindible para que un concello funcione e estea centrado en aportar solucións e atender á veciñanza, e aportou dinamismo económico, social e cultural”, apuntou, para lembrar a continuación o labor do goberno municipal á hora de impulsar sectores estratéxicos como a hostalería e o comercio, desenvolver programas de axudas en materia de benestar social, implantar medidas a favor da igualdade ou activar infraestruturas e certames culturais. 

Pontón rematou trasladando a Trigo o seu agradecemento e o de todo o BNG polo seu gran traballo como alcalde de Fene, localidade á que sinalou como exemplo dos gobernos municipais de calidade do Bloque. “Tras máis de oito anos, Juventino deixa un concello mellor, que ten unha folla de ruta clara para seguir avanzando, un concello cun proxecto político transformador que xestiona con eficacia e está centrado nas persoas”, concluíu. 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG