Ana Pontón: "Rueda fai de recadeiro do PP de Madrid mentres os asuntos importantes para Galiza están sen resolver"

Néstor Rego, Ana Pontón e Francisco Jorquera
Néstor Rego, Ana Pontón e Francisco Jorquera
A portavoz nacional do Bloque ve na lei de amnistía un mecanismo excepcional para volver ás canles políticas o que nunca tivo que saír delas 

A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu na Coruña o acordo de investidura do BNG que impulsa a axenda galega no Estado e mellora a vida das persoas, mentres o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, “está de manifestación facendo o que lle mandan dende o PP de Madrid, pero sen conseguir absolutamente nada para Galiza”.

Na presentación do acordo de investidura na cidade herculina xunto ao deputado Néstor Rego e o portavoz municipal, Francisco Jorquera, Pontón advertiu que Rueda puxo o PP de Galiza ao servizo da estratexia do PP de Madrid, “que está medito de cheo nesa estratexia de confrontación e división” e lamentou que mentres o presidente da Xunta “fai de fiel recadeiro do PP de Madrid, todos aqueles asuntos que son importantes para o noso País están sen resolver”.

A portavoz do BNG sospeita que o titular do Executivo galego “pensa que con toda esta crispación e confrontación lle podo servir para ocultar o desastre que nos está deixando no noso País” e reprobou que non haxa un Goberno galego que está pensando como mellorar a vida das persoas, “senón que está secuestrado pola estratexia do PP de Madrid”.

Isto demostra para a líder nacionalista que é preciso un cambio de Goberno urxente neste País que, dixo, “sexa liderado pola única forza coas mans libres para defender os intereses dos galegos e as galegas”. “Isto é no que estamos centradas no BNG”, concluíu.

Posteriormente, na entrega en Santiago dos avais da militancia para presentar a súa candidatura á presidencia da Xunta, Pontón considerou que a lei de amnistía é un mecanismo excepcional pero legal para volver ás canles políticas o que nunca tivo que ter saído delas. Neste sentido, avanzou que o Bloque acaba de recibir o texto e ten agora que analizalo, se ben rematou incidindo en que a amnistía pretende “volver á política” o que nunca debeu xudicializarse.

 




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG