Ana Pontón reivindica o movemento neofalante como esperanza do galego, a lingua que “nos fai máis fortes como sociedade”

Suma co galego
Suma co galego

Pon en valor ás persoas que protagonizan o proceso de “reapropiación” do idioma ante a política lingüística de desgaleguización que practica o PP

Anima á xente nova a vivir en galego, como acto de normalidade pero tamén de inconformismo, para construír un futuro colectivo mellor

A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou o movemento neofalante como “motivo e porta de esperanza” para o galego e unha oportunidade para “poder reverter os datos tan preocupantes” que arroxa a situación da lingua á que conduciu a política lingüística desenvolvida polo Goberno do PP ao longo da última década.

“É moi importante poñer en valor a todas estas persoas que están a dar este paso porque o galego é a lingua que nos une e que nos fai máis fortes como sociedade”, recalcou nun encontro con neofalantes no que estivo acompañada pola portavoz parlamentar de lingua e cultura, Mercedes Queixas, e que se celebrou no marco da campaña que desenvolve o BNG con motivo do 17M baixo o lema “Suma co galego, a lingua que nos une”, centrada precisamente nas persoas que se incorporan ao galego.  

A portavoz nacional apuntou á necesidade de “acompañar” e “seguir dando azos” a todas estas persoas para que sexan referencia “para moitas outras que teñen que vir atrás”, nun acto no que participaron xs creadores de contidos para redes, OlaXonMario e Nee Barros; a licenciada en Economía, Alba Rodríguez, e a deputada Alexandra Fernández, que abordaron as súas respectivas experiencias e que exemplifican unha sociedade que, segundo Pontón, “quere dar pasos cara adiante e sumar co galego para construír unha Galiza máis forte e mellor”. 

Neste sentido, subliñou que o empoderamento lingüístico da sociedade galega, e moi especialmente o da mocidade, “é esencial para ter unha lingua viva e con futuro”, polo que animou ao conxunto dos galegos das galegas e en particular á xente nova a que dea o paso e utilice o galego en todos os espazos e en todos os ámbitos da súa vida, “sabendo que isto é un acto de normalidade, pero tamén de rebeldía e inconformismo”, dada a política lingüística que está a desenvolver o PP e os intentos de facer retroceder o idioma.

Así, Pontón recordou o recente informe da RAG no que se conclúe que, na denominada xeración centennial, o 35% do alumnado castelanfalante carece de competencia lingüística en galego e denunciou que isto evidencia “unha política lingüística que cercena o dereito a coñecer a lingua galega e coñecela é o primeiro paso para poder usala”. “O resultado que temos a nivel lingüístico non é froito da casualidade -reprobou- é un deseño programado polo PP para que a lingua galega retroceda”. 

Fronte a este contexto de “desgaleguización que nos empobrece” e que vinculou ao decreto de plurilingüísimo aprobado polo PP “unilateralmente e en contra da maioría da comunidade escolar”, destacou que “hai unha sociedade que reacciona”, con persoas que apostan por un proceso de “reapropiación da lingua”, aínda sen ser educadas nela, porque a entenden como “unha porta aberta ao mundo” e un xeito de fortalecer “a nosa identidade e o noso país”.     

“Unha Galiza máis forte economicamente tamén é unha Galiza máis forte culturalmente”, defendeu, para concluír a continuación que “o galego é a lingua que nos une, que nos fai máis fortes e que nos permitirá construír un futuro mellor e dispoñer de máis oportunidades no mundo”.

-----
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG