A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, reivindicou na Asemblea Nacional de Galiza Nova, un nacionalismo galego entendido como "a determinación de que nós estamos en política non para aceptar o que non podemos cambiar, senón para cambiar o que non podemos aceptar".
Perante as centenas de mozos e mozas reunidos, Pontón, fixo un chamamento a manter "o orgullo de ser nacionalistas", que definiu como "o amor a Galiza, á nosa terra e á nosa xente". Reivindicou que Galiza "é unha nación" e que o nacionalismo é "o máis cosmopolita que hai" por ser "a ansia de cambiar o mundo empezando polo que temos máis cerca".
A líder do BNG sinalou varios frentes nos que é necesario "falar claro". Denunciou a "barbarie" en Palestina, que cualificou sen tapuxos de "xenocidio" e acusou a Israel de ser "un estado xenocida", expresando a súa solidariedade co pobo palestino: "A súa loita é tamén a nosa", afirmou, proclamando que "Palestina vencerá".
Pontón criticou duramente a "tríada" sobre a que se sustenta o "réxime": "a coroa, o PP e o PSOE", á que acusou de "crispación, lameira e a súa sempiterna corrupción", afirmando que "todos están atados ao colar do mesmo amo, as grandes corporacións".
A loita en Galiza e o papel da mocidade
Pontón sinalou á mocidade como clave para "darlle un cambio a este país" e celebrou que apoie "masivamente ao BNG". Neste sentido, reivindicou o labor de Galiza Nova como "espazo de debate, formación, participación e activismo político e social" que contribúe a "mobilizar xeracións enteiras".
A líder nacionalista tivo palabras de recoñecemento para a saínte dirección, de maneira especial para Marta Gómez, e desexou "ánimo" á nova dirección nacional, encabezada por Artai Gavilanes.
Para rematar, Pontón convidou aos presentes a "facer política desde a esperanza", fronte a quen o fai "desde o medo e o odio". Defendeu unha política que "acolle a quen foxe das guerras ou da miseria, porque ningún ser humano é ilegal", que loita por "mulleres libres e iguais" e que defende "sen ambigüedades que podamos ser quen queiramos ser e amar a quen nos dea a gana".