Ana Pontón reclama a Feixóo un plan de vacinación que permita dispensar as doses 7 días á semana, 24 horas ao día

Ana Pontón
Ana Pontón

Denuncia que os intereses electorais e económicos están detrás da negativa ao confinamento, a medida máis eficaz para salvar vidas

Atribúe ao “partidismo do PP e do PSOE” o fracaso da negociación para a elaboración do plan conxunto de axudas á hostalería e o turismo

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclama ao Goberno galego un plan de vacinación COVID que recolla a subministración de vacinas “os 7 días da semana e as 24 horas do día” e no que se contemple a correcta organización de toda a loxística necesaria: “quen vai revisar os expedientes de vacinación, como se vai facer o chamamento e cales van ser os lugares que se van empregar”.

A estes dous eixes de actuación, suma un terceiro igualmente importante, a contratación do “persoal sanitario suficiente” que, de ser preciso, incorpore a persoal sanitario xubilado para dotar correctamente o dispositivo. “Porque a esperanza é vacinas, vacinas, vacinas e non pode haber nin máis erros nin máis improvisacións”, recalcou na súa comparecencia logo do Consello Nacional celebrado telematicamente.

Pontón urxiu ao presidente do Executivo galego a “deixar a propaganda nun asunto tan serio” e a abrir todas as vías de presión para garantir que as vacinas cheguen canto antes. Neste sentido reprochou a Feixóo que un día diga que é preciso un mes para vacinar a 40.000 persoas usuarias e traballadores e traballadoras de residencias, “dous días despois que pode vacinar a 200.000 persoas ao día, ao día seguinte rebaixe a cifra a 120.000 e, no último pleno do Parlamento galego, diga que son 100.000”. “É unha tomadura de pelo igual que a dos 6.000 rastrexadores”, concluíu.

A portavoz nacional manifestou a fonda preocupación do BNG ante unha terceira onda da pandemia que está golpeando a Galiza gravemente cun récord de hospitalizacións, ingresos en UCI e “o dato máis dramático de todo, récord de falecementos”. Ante esta situación, considerou preciso “desterrar a falsa dicotomía entre saúde e economía” que formula Feixóo: “Xa vimos a que desastre nos conduciu o seu esquema ‘Salvar o Nadal’”, criticou, para a continuación subliñar que non é aceptable que “esta falsa dicotomía entre saúde e economía e os intereses electorais de Sánchez nas eleccións catalás estean por diante da saúde das persoas”.

“Por que na primeira onda estivemos tres meses pechados e pechadas e hoxe non se pode confinar dúas semanas cando os datos son peores?”, cuestionou para reiterar a necesidade dun confinamento de dúas semanas. “Non son tempos de poñerse de perfil, nin de medias tintas, nin de cortinas de fume, cando estamos falando da vida e da saúde das persoas”, indicou logo de apelar á “obriga ética” desta reflexión. “Claro que a curva se aplanará nalgún momento, pero a que custe? -cuestionou- Cantos máis contaxios, cantas máis persoas loitando pola súa vida nunha UCI, canto máis falecementos teremos antes de tomar medidas contundentes para frear os contaxios e salvar vidas?”.

Logo de agradecer o esforzo da inmensa maioría da cidadanía e o inmenso traballo do persoal sanitario, Pontón sinalou á vacina como a gran esperanza para derrotar a pandemia -unha batalla na que “tampouco pode estar por diante da saúde a cobiza das farmacéuticas”, advertiu- e apelou a apostar “ao 1.000 por 1.000” pola ciencia e pola investigación, “porque o coñecemento científico que salva vidas debe ser patrimonio público e poñerse a disposición de toda a humanidade”.   

Críticas a PP e PSOE no fracaso do plan de rescate a hostalería e turismo

A portavoz nacional tamén se referiu ás graves consecuencias sociais e económicas que está a provocar a pandemia e que está “poñendo contra as cordas” a sectores enteiros como a hostalería, o turismo, o comercio ou a cultura. Neste sentido, trasladou que o BNG “lamenta que o partidismo do PP e do PSOE impediran un acordo entre Xunta, deputacións e Fegamp”, en alusión ás negociacións para a elaboración dun plan conxunto de axuda aos sectores hostaleiro e turístico.

“Lamentamos profundamente o fracaso deste proceso de negociación debido á cerrazón do PP a través da Xunta, e do PSOE, a través das presidencias das deputacións e da Fegamp”, afirmou para a continuación subliñar que “uns e outros fixeron primar as súas posicións partidarias sobre a necesidade e urxencia dun grande acordo político de rescate a estes sectores”.  

Pontón lembrou que a posición do BNG foi sempre favorable a conseguir un plan de rescate financiado polas tres administracións, no que todas fixeran o mesmo esforzo orzamentario na aportación de fondos, algo que PP e PSOE fixeron inviable.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG