Ana Pontón reclama ao Goberno do PP que rectifique o seu plan de ter PACs sen médicos para atender ás urxencias sanitarias

Ana Pontón
Ana Pontón
Insiste en que o Ministerio de Transportes rexeite o novo intento de sablazo de AUDASA que pretende subir un 9% as peaxes da AP-9

A portavoz nacional, Ana Pontón, demanda ao Goberno do PP que rectifique o despropósito de pretender baleirar de persoal facultativo os PACs, cando son precisamente o lugar onde acoden as persoas cando teñen unha urxencia sanitaria.

“O que está pasando na sanidade pública é gravísimo, como o feito de que o PP quere que nos PAC no haxa ningún médico ou médica e iso é, directamente, poñer en risco a saúde e a vida dos galegos e das galegas. É unha tremenda irresponsabilidade o que está facendo este Goberno que leva trece anos cunha política de recortes na sanidade pública e isto é a última volta de torca”, denunciou desde Vigo a preguntas dos medios, cando asistía a presentación do candidato a Alcaldía, Xabier Pérez Igrexas.

“O PP ten que retirar de inmediato esa proposta é apoiar as emendas orzamentarias que imos presentar para reforzar a atención primaria con 200 millóns de euros, para contratar a máis especialistas, deixar atrás os recortes e apostar por defender a sanidade pública que é a maior conquista da cidadanía”, argumentou a líder do Bloque, quen demandou ao presidente da Xunta “que deixe de xogar coa saúde das persoas porque iso é o que fai cando pretende que un servizo de urxencias sen médicos e médicas”.

A líder do BNG volveu referirse á proposta de AUDASA de subir ás peaxes da AP9, o que cualificou como “estafa redobrada”.

“É un auténtico escándalo democrático que ningún goberno debe permitir,  pero todo o que leva pasando coa AP-9 deixa claro que a alternativa é que esta infraestrutura volva ser pública cen por cen e non seguir permitindo que fondos voitre de inversión se queiran lucrar a costa dos galegos e das galegas”, denuncia Pontón. A líder nacionalista subliña que o BNG non vai aceptar este novo intento de sablazo que, denunciou, “e impresentable que se poña nin tan sequera a proposta sobre a mesa”.

Para o Bloque, o Goberno central debe rexeitar ás intencións da concesionaria, “e abrir un proceso para que a AP-9 sexa pública e xestionada desde Galiza, onde levamos anos agardando por esa transferencia”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG