municipais 2023

Ana Pontón: “Queremos liderar con Eloi Devesa o Concello de Teo para darlle máis oportunidades de futuro”

Encontro Teo
Encontro Teo

Urxe a necesidade da construción dun centro de día no concello, un equipamento fundamental para as persoas maiores

Amósase convencida de que o modelo municipal de éxito do BNG se estenderá por todo o País a partir do 28M, obtendo un resultado histórico

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou o concello de Teo para reclamar máis e mellores servizos públicos para a veciñanza. Acompañouna o candidato do BNG á alcaldía, Eloi Devesa, ao que cualificou como “unha persoa moi preparada para poder afrontar os retos de futuro do concello, entre eles, a atención do benestar da cidadanía”.

“Levamos tempo vendo como os catorce anos de goberno do PP supuxeron unha paralización de iniciativas e obras para mellorar a calidade de vida da xente maior”, indicou a líder do Bloque, denunciando que “en todo ese tempo o PP non construíu nin unha soa residencia pública”.

“Nun municipio como é Teo e no que os veciños e veciñas levan moito tempo reclamando un centro de día, o que fixo o Goberno do Partido Popular foi botar abaixo o proxecto que xa existía para non construír este equipamento, fundamental para as persoas maiores”, recalcou Pontón.

Fronte a isto, o modelo municipal do BNG pon no cento as persoas, o seu benestar, a súa calidade de vida, defendendo uns servizos públicos de calidade e poñendo no centro das súas políticas á veciñanza. “Apostamos por mellorar a vida das persoas, e imos facelo tamén en Teo porque merece máis oportunidades de futuro e estamos convencidos e convencidas de que é posible un cambio”, declarou.

Pontón destacou que “ese modelo municipal é o que queremos estender por toda Galiza a partir do 28 de maio, onde estou convencida que o BNG vai ter un resultado histórico, con mais concelleiros e concelleiras”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG