Ana Pontón propón un “ticket rural” para mulleres emprendedoras no rural

Visita Elena Ferro
Visita Elena Ferro

“Empoderar ás mulleres é clave para un rural vivo”, declara, destacando a capacidade para emprender e liderar proxectos que demostran cada día

Medidas: Liña específica de apoio á innovación e cota máis baixa de autónomos e autónomas, “pois non é o mesmo emprender en Merza que na Castellana”

Visita en Vila de Cruces o taller da zoqueira Elena Ferro, á explotación de galos que dirixe María Castro e o proxecto de coidados de Cristina Arias

A portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse a Vila de Cruces con motivo do Día da muller rural, onde visitou diversos proxectos liderados por mulleres, entre eles o taller da zoqueira Elena Ferrro, premio nacional de artesanía 2019; o proxecto de coidados de persoas maiores A Casa da Oliveira, posto en marcha por Cristina Arias, e o proxecto Castro de Madrosende de cría de galos de María Castro.

“As mulleres están demostrando que é posible un rural vivo, que se pode emprender, poñer en marcha proxectos empresariais innovadores desde o rural, no sector agrogandeiro, no sector da alimentación, pero tamén no sector do deseño, da creación artística, da inovación”, salientou a líder do BNG, advertindo que as mulleres pagan un sobrecusto por desenvolver proxectos desde o rural.

Visita Elena Ferro
Visita Elena Ferro

“A falta de servizos, -mesmo en algo tan básico como dispoñer de internet de calidade para a venda online dos produtos-, a maior fenda salarial, a desigualdade de oportunidades ou o menor recoñecemento e visibilización do que achegan son cuestións que hai que solventar. E se as mulleres son clave para un rural vivo, deben ter o máximo apoio”, indicou, “algo que no BNG temos moi claro e por iso facemos propostas concretas”.

A primeira, indicou Pontón, é “a creación do ticket rural para o emprendemento das mulleres, unha medida que implicaría unha axuda anual dun mínimo de 15.000€ durante cinco anos, para proxectos con sede e domicilio fiscal no rural, unha medida que funciona con éxito noutros territorios e que sería un revulsivo para fixar poboación e reverter o abandono do medio rural”.

A segunda medida é poñer en marcha un Plan de discriminación positiva de servizos públicos no medio rural, para facilitar a conciliación laboral e profesional das mulleres, onde as xornadas poden ser dobres e até triples. Escolas infantís, centros de atención aos maiores, servizos sanitarios e educativos de calidade e de proximidade, boas comunicacións, posiblidade de acceder ao ocio e á cultura, citou Pontón. Obviamente, fomentando a corresponsabilidade.

Como terceira medida, entender que as realidades son diferentes e que non se pode aplicar un sistema fiscal ignorando esa realidade. Por iso, a líder do Bloque propón baixarlle a cota ás persoas autónomas no medio rural, “porque non é o mesmo emprender desde a Castella en Madrid que desde Merza en Vila de Cruces”.

E, como cuarta medida concreta, liña de axudas específica de fomento da innovación no rural, “pois non se pode poñer a competir polas axudas a I+D+i ás pequenas empresas coas grandes sociedades, por iso debe haber liñas específicas para innovación á que podan concorrer os proxectos que xurdan no medio rural e cunha discriminación positiva para os promovidos por mulleres”.

Son medidas posibles e realistas, salientou Pontón, quen aproveitou a celebración deste día “para trasladar o recoñecemento do BNG ás mulleres do rural, eu mesma nacín no rural, estou moi orgullosa das miñas raíces e sei que neste medio hai valores moi importantes que apoiar a trasladar”, expresou Pontón.

Teito de cristal

A portavoz nacionalista tamén fixo fincapé na necesidade de poñer nun primeiro plano o traballo da muller no rural, moitas veces invisibilizado ou pouco valorado. “Empoderar ás mulleres é clave para un rural vivo”, subliñou, denunciando os teitos de cristal: “Non podemos asumir como normal que sendo as mulleres o 46% das socias cooperativistas, só hai un 6% na presidencia desas cooperativas”.

Outro aspecto importante para ao BNG é recuperar o investimento público que o PP recortou no medio rural. Desde 2009, o Goberno do PP baixou en 1.412 millóns de euros os recursos destinados a políticas de apoio e dinamización do medio rural, e en 2021 deixou se investir o 21% do orzamento de Medio Rural. “Hai que mudar este abandono por unha política real de apoio ao medio rural e iso precisa recursos e que se invistan”, concluíu Pontón.

A líder do Bloque estivo acompañada na visita por responsables políticos nacionalistas da comarca do Deza, Álex Fiúza, Carlota Salgado e Beatriz Gómez, concelleiro e concelleiras cruceñas; Francisco Vilariño, portavoz municipal en Lalín; Miguel Docasar, concelleiro en Dozón e Xoán Blanco, responsable comarcal. A xornada de Pontón en Vila de Cruces remataba cun acto de encontro e conversas coa veciñanza.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG