Ana Pontón propón subir un 15% as bolsas educativas para axudar ás familias co fin de compensar a escalada de prezos

Encontro mocidade
Encontro mocidade

A portavoz nacional do BNG critica a falta de medidas de un Feixóo “desconectado de Galiza” e cun goberno “en modo pausa”

Fai un chamamento á participación na manifestación deste domingo 3 de abril convocada polo BNG contra a parálise do goberno galego ante a crise de prezos

Nun encontro coa mocidade universitaria  para abordar o impacto da escalada de prezos, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo subir un 15% as bolsas educativas para axudar ás familias e compensar a inflación.

Pontón remarcou que a crise económica está a afectar gravemente ás familias e sectores económicos e de maneira especial “ás expectativas da mocidade”. “Dende a xeración millennian á xeración Z -explicou- estes mozos e mozas só coñecen a palabra crise, precariedade, baixos salarios e emigración”. Na súa opinión, “se non somos capaces de ofrecer un futuro diferente á xente nova sería un fracaso como sociedade”. “Urxe poñer o foto nas alternativas valentes para este futuro”, remarcou.

De igual xeito, apelou a escoitar as demandas dos mozos e mozas para implementar medidas cara “un futuro de esperanza”. Neste sentido recalcou que “hoxe mesmo nos trasladaban as grandes dificultades ante a suba da luz, a vivenda, o combustible e, tendo en contra que a xente nova conta cunha menor capacidade adquisitiva, é necesario poñer en riba da mesa medias para paliar esta situación”.

Neste sentido, a líder nacionalista apuntou como medida elevar “un 15% das bolsas xa concedidas” para axudar as familias que xa fan un importante esforzo para que os seus fillos e fillas poidan estudar na universidade. “Temos que actuar para que a crise de prezos non provoque un maior empobrecemento”, remarcou.

Así, insistiu na necesidade de poñer en marcha “medidas valentes e estruturais para ir ao fondo dos problemas, medidas -enfatizou- que deben ser postas en marcha polos gobernos” e advertiu que o goberno estatal “debe demostrar que non existe unha cadeira permanente no lobby eléctrico no Consello de Ministros”.

Ao seu xuízo, é urxente “abaratar o prezo da luz” e ante unha situación “excepcional” hai que tomar medidas de maior alcance como “poñer un tope máximo tanto ao prezo da luz como ao dos carburantes”. Nesta liña, advertiu que concretamente a rebaixa do carburante pode aliviar temporalmente as familias pero “pagar o litro a 1,80 euros continúa sendo un prezo moi alto, sobre todo nun País como o noso, con baixos salarios e as pensións máis baixas do Estado”.

“Ademais, hai que gravar ao lobby eléctrico, cuns beneficios desorbitados e caidos dos ceo”, incidiu, para defender a continuación a creación dunha empresa de enerxía pública galega e unha tarifa eléctrica galega que abarate o prezo da luz. “Estas son -dixo- algunhas das cuestións que xustifican a mobilización convocada polo BNG para o vindeiro domingo, día 3 de abril”, explicou.

A líder nacionalista fixo un chamamento a participar nesta mobilización e, sobre todo, á mocidade, para reclamar unhas mellores condicións de vida, porque hai “alternativas para saír da crise, pero necesitamos gobernos valentes e sacar do consello de Ministros e do Consello da Xunta ás empresas eléctricas”.

Nesta liña, apuntou que mentres estamos ante unha crise que afoga ás familias e pon en grave risco sectores produtivos e empregos, “o Goberno da Xunta continúa ausente, sen achegar unha soa medida ao longo de todo este tempo e sen publicala no Diario Oficial de Galiza”, advertiu. “Os galegos e galegas non temos ningunha resposta por parte da Xunta e o único que nos deixa é un presidente desenchufado durante máis dun mes de Galiza e un goberno sen solucións”, remarcou, para engadir a continuación que “non podemos estar ante un goberno en modo pausa”.

Pontón recordou que “todos os galegos e galegas pagamos aos conselleiros e conselleiras da Xunta o seus salarios para achegar solucións e non para resolver os problemas internos do PP” e engadiu que “se alguén tiña algunha dúbida de que para Feixóo o primeiro é o PP, hoxe mesmo vai despexala e vemos como o Partido Popular utiliza as institucións de Galiza para o seu servizo”.

Para a portavoz do BNG, é unha mala noticia que non se separe o goberno do partido “e o problema non é que hoxe o PP celebre o seu congreso en Sevilla; o problema é que levamos un mes no que os galegos e galegas seguen asfixiados pola suba da luz e dos carburantes, con miles de litros de leite tirados e toneladas de peixe podres por non poder ser distribuídas e a Xunta permaneceu de brazos cruzados, só pendente de resolver os problemas internos do Partido Popular”. “Os gobernos deben estar ao servizos das persoas e a Xunta non pode seguir ao servizo dos intereses do PP e as ambicións de Feixóo”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG