Ana Pontón propón que se transfira ao Goberno da Xunta a xestión directa das vivendas que a SAREB ten en Galiza

Ana Pontón
Ana Pontón

Suporía duplicar o parque de vivendas de promoción pública que neste momento existe no País

A líder do BNG critica o total abandono do goberno do PP na promoción de vivenda pública: “Entre 2014 e 2018 só se construíu unha para aluguer”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixou a posición do Bloque no tocante ao parque de vivendas da SAREB e a súa dispoñibilidade en aluguer a prezo taxado, tema que hoxe será tratado no Consello de Ministros.

Pontón lembrou que “despois de anos reclamándoo, no pasado mes de setembro, o BNG logrou un acordo unánime do Parlamento galego para reclamar que Goberno do Estado transfira a Galiza as vivendas da SAREB e poidan ser xestionadas directamente polo Instituto Galego de Vivenda e Solo”.

“Estamos a falar de preto de 3.000 vivendas e 1.300 solares, cuxo impacto sería moi positivo nunha situación na que o prezo da vivenda, sobre todo nas grandes cidades, aumento arredor dun 30% nos últimos anos e impide ter acceso a unha residencia a moitas persoas, sobre todo á mocidade galega, que está á cola en emancipación”, indicou a líder nacionalista.

Ademais disto, esta transferencia das vivendas da SAREB a Galiza tamén serviría para duplicar a vivenda pública existente no País e para paliar os efectos da actual ausencia de política pública de vivenda do PP ao longo de catorce anos. “Pese a que hai 16.000 galegos e galegas anotadas no Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida, o PP sumou varios anos consecutivos un total de cero vivenda pública construída”, subliñou.

O PP, un cero á esquerda na construción de vivenda pública

Nos pasados anos 2014, 2015, 2016 e 2017 o Goberno do PP non construíu ningunha vivenda pública en aluguer en Galiza e, no 2018, só construíu unha vivenda de protección para aluguer. “Desde esa data, o PP oculta os datos e non facilita cifras para agochar a seu total abandono da política pública de vivenda, que deixa na estaca a moitos galegos e galegas, sobre todo mozos e mozas”, denunciou Pontón.

Para o BNG impulsar a vivenda pública é fundamental para construír unha sociedade xusta e con oportunidades, “como se demostrou cando o Bloque gobernou a través da Consellería de Vivenda”, indicou a portavoz nacional.

Pontón anunciou que o BNG levará novamente a pleno no Parlamento galego que o goberno do PP reclame a cesión inmediata ao Instituto Galego de Vivenda e solo daqueles activos inmobiliarios propiedade da SAREB que se atopen nun estado axeitado e que se empracen en zonas onde exista demanda de vivenda. “Queremos incrementar a oferta de alternativas públicas e axilizar a resposta no Rexistro de Demandantes de Vivenda. As persoas merecen ter unha vivenda digna”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG