Ana Pontón propón un plan de rescate do sector da hostalería “á alemá”, con axudas que compensen até o 70% das perdas

Encontro hostalaría
Encontro hostalaría

Apoia as medidas que se estimen necesarias contra o virus, pero denuncia un peche encuberto: “e se pechas un sector, tes que axudalo”, demanda

O BNG, disposto a que concellos e deputacións participen coa Xunta nun plan de axudas negociado e co mesmo esforzo orzamentario

A portavoz nacional, Ana Pontón, propón un plan de rescate do sector da hostalería similar ao posto en marcha en Alemaña pola chanceler Angela Merkel, habilitando axudas inmediatas para compensar até o 70% das perdas rexistradas polos locais, axudas que deben estar en vigor tanto tempo como duren as restricións que, como no momento actual, supoñen ademais un peche encuberto.

“O BNG apoia todas as medidas que se estimen necesarias para frear a pandemia, porque a mellor maneira de saír da crise económica é controlando o virus, agora ben, se o Goberno de Feixóo decreta o peche dun sector, -que é na práctica o que está pasando coas novas restricións-, ese sector ten que recibir axudas directas e inmediatas que compensen as perdas”, salientou Pontón tras a reunión coa dirección da Asociación de Hostalería de Santiago, encontro que tivo lugar nun local de referencia na cidade, o restaurante Altamira, pechado.

“Ver este local cerrado é a mellor explicación de como está o sector da hostalería en Galiza”, salientou a líder nacionalista.

Hai moitas persoas no sector da hostalería que están nunha situación crítica, -recalcou tras o encontro-, “e non é porque non saiban como manter en pé os seus negocios, senón como manter en pé as súas familias. Fai falta máis que declaracións de intencións, ten que haber axudas, un plan de rescate que debería pasar por compensar perdas, como fixo Alemaña, durante o tempo que duren as restricións á actividade”.

Neste sentido, Pontón pide a Feixóo, “que se poña as pilas e, cando a vai ter mais recursos que nunca, -11.600 M€ de orzamento-, debe chegar á xente que peor o está pasando”, alegou. De feito, este sector non recibiu nin un euro de axudas directas por parte do Goberno de Feixóo até o pasado mes de novembro, mentres que outros territorios tiñan xa en marcha unha segunda liña de subvencións.

“Se se salvou a banca, non se pode deixar caer á hostalería”, subliñou, porque xera miles de empregos e, segundo fontes das propias asociacións, no que vai de crise o sector deixou polo camiño 11.000 postos de traballo entre regulacións de emprego e despedimentos.

En relación a se as administracións locais deben aportar recursos, tal como pide o Goberno galego, a líder nacionalista indicou que xa o estaban a facer e, ademais, mostrou toda a disposición do BNG a que concellos e deputacións participen nun plan de axudas a tres bandas no que cada quen realice o mesmo esforzo orzamentario e sempre desde a negociación.

“Se a Xunta quere coordinarse con outras administracións, que o faga, polo BNG non vai quedar. Nós dicimos: é posible que todas as administracións participen nun plan de axudas á hostalería facendo o mesmo esforzo orzamentario, é dicir, se o Executivo aporta o 1% do seu orzamento que concellos e deputacións fagan o  mesmo, pero non é serio anunciar propostas que non están consensuadas, porque parece máis unha cortina de fume. En todo caso, toda a colaboración do BNG para botar unha man a favor da xente que o está pasando mal”, concluíu.

En todo caso, serían dous planos de traballo en paralelo, o das axudas inmediatas por parte do Executivo e unha liña de subvencións nutrida por concellos, deputacións e Xunta negociada e coordinada.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG