PARLAMENTO GALEGO

Ana Pontón propón unha ofensiva política para que a frota de pesca teña unha compensación real polas perdas derivadas do Brexit

Ana Pontón
Ana Pontón

Pontón tilda de “ridículo” 2,2 M€ cando o sector estima en 54 M€ o prexuízo, e alega que hai 1.000 M€ do fondo fixado pola UE sen definir gasto

Entre as propostas: declarar a Galiza zona altamente dependente da pesca, reparto de TACs xusto e prepararse para a fin do acordo co Reino Unido

Ana Pontón propón unha ofensiva política para que a frota de pesca teña unha compensación real polas perdas derivadas do Brexit

Reunión do BNG coa Asociación de Armadores de Vigo (ARVI) para abordar a situación na que queda o sector pesqueiro tras o Brexit. A frota galega nos caladoiros que agora pasan a xurisdición exclusiva do Reino Unido está integrada por 60 barcos no Gran Sol (1.400 mariñeiros) e 20 barcos (400 mariñeiros) nas Maldivas. Ao que se suman 36 buques de bandeira británica pero de capital galego.

Tras o Brexit, a frota europea renuncia ao 25% das capturas coas conseguintes perdas que o sector pesqueiro cifra en 54 millóns de euros, de aí que a cantidade de 2,2 M€ prevista para o Estado español sexa cualificada de “ridícula” por parte da portavoz nacional, Ana Pontón.

“Esa cifra representa o 0,36% do total cando o que se precisa é unha cantidade que permita unha compensación real das perdas á frota galega, tendo en conta ademais que do total de fondo europeo para facer fronte ás consecuencias do Brexit, -dotado con 5.000 M€ na proposta inicial da Comisión Europea-, hai 1.000 M€ aínda sen asignar e dos que se pode conseguir unha aportación que se adapte máis ás perdas reais do sector”, explicou.

Para conseguilo, a líder nacionalista propón “unha ofensiva política decida no ámbito  galego, estatal e europeo para minimizar o impacto do Brexit no sector pesqueiro do país”, que empece cun acordo no Parlamento. Neste sentido, o BNG formula unha batería de propostas.

A primeira pasa por reclamar un incremento substancial da partida destinada a compensar perdas pola redución de capturas nos caladoiros británicos, e pon sobre a mesa como estratexia na que as forzas políticas “pactemos unha contía xusta no Parlamento galego co compromiso de defendela tanto no Congreso como na Eurocámara”, explicou.

En segundo lugar, reclamar para Galiza a declaración de zona altamente dependente da pesca, un recoñecemento oficial “que sería moi beneficioso porque reforzaría a posición da frota galega á hora de pedir unha maior cota de capturas”. Hai que ter en conta que a UE establece ese reparto en base ao principio de estabilidade relativa que beneficia aos países que formaban parte da UE antes do ingreso na UE de España e Portugal.

En terceiro lugar, o Bloque demanda un reparto de cotas de pesca (TACs) máis aló do Brexit, “non podemos esquecer que Galiza sempre sae prexudicada no reparto de cotas de capturas que cada ano fixa o Consello de Ministros de Pesca da UE. Urxe defender un reparto máis xusto das cotas de pesca para frota galega”, recalcou.

En cuarto lugar, planificar para un escenario sen acordo con Reino Unido, xa que, con ser negativas as consecuencias da súa saída da UE, o BNG considera que o peor está por chegar cando conclúa o prazo de cinco anos negociado co Reino Unido.

Prepararse para cando o acordo finalice en 2026

“A cuestión é que pasará despois, tendo en conta que a partir do 30 de xuño de 2026 hai que negociar ano a ano e especie a especie, cun Estado que ordena e manda nas súas augas territoriais. Todo apunta que os recortes irán a máis. Polo tanto, hai que preparar xunto co sector unha estratexia para afrontar ese escenario e buscar alternativas”, explicou Pontón.

Finalmente, o BNG demanda a presenza directa de Galiza en todos os foros nos que se negocie o futuro do sector pesqueiro, tanto dentro da Unión Europea como nos que participe o Reino Unido. “Somos unha potencia pesqueira, somos quen mellor coñece a realidade do sector e, polo tanto, debe ser Galiza que estea nesas negociacións”, concluíu.

Ademais da portavoz nacional, na reunión telemática con ARVI tamén participou a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, o deputado no Congreso Nestor Rego, a deputada membro da Comisión de Pesca, Carmela González, e o portavoz municipal de Vigo, Xabier Pérez.

 

Ana Pontón propón unha ofensiva política para que a frota de pesca teña unha compensación real polas perdas derivadas do Brexit